O goberno local de Pontevedra considera errónea a elección do polígrafo Xosé Filgueira Valverde como figura homenaxeada con motivo do Día das Letras Galegas 2015, segundo manifestou o voceiro municipal, Raimundo González.
O representante do goberno local indicou que "creo que a Academia Galega se columpiou" e explicou que na situación actual "na que a lingua galega está ferida de morte" sería necesario outro autor con maior bagaxe para desenvolver as súas obras nas aulas e que se poida desenvolver nas materias relacionadas coa lingua e a literatura. "Incluso para poder traballar certos temas non dá de si", indicou Raimundo González que se preguntaba: "ÿ un escritor realmente? Fixo unha labor de recompilación, de historiografía... pero tes que buscar que dea xogo para os coles que é onde realmente se traballa este día".
Raimundo González recoñeceu que lle tiña un aprecio persoal porque fora o seu profesor no instituto pero, dende outro tipo de análise, Xosé Filgueira Valverde "ten máis que sombras na súa traxectoria política, pero non estamos a valorar a persoa".
En todo caso, asegurou que o Concello de Pontevedra acollerá e apoiará todos os actos conmemorativos desta celebración que se desenvolverán durante 2015.