O Goberno local aproba a rede de auga para 448 vivendas de Marcón por 4,3 millóns de euros

Pontevedra
26 de agosto 2019

As obras inclúen a unha parte da parroquia de Mourente e á práctica totalidade da de Marcón, excepto os lugares de Pintos e A Peralba por problemas da cota xa que están máis altos que o depósito

Parroquia de Marcón
Parroquia de Marcón

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou o único punto que figuraba na orde do día fixado para este luns, a ampliación da rede de abastecemento desde a saída do depósito de Castrosenín para a parroquia de Marcón.

En concreto, este luns aprobouse o proxecto de obra por un importe de 4.337.626 euros. O prazo de execución é de 24 meses e faise con cargo ao contrato de concesión do servizo de auga a Viaqua.

A importancia desta medida "cunha cifra bastante espectacular", segundo Anabel Gulías, "pon de manifesto o compromiso deste Goberno local co investimento no rural".

Son máis de catro millóns de euros para un total de 448 vivendas que non dispoñen na actualidade de abastecemento de auga potable. O goberno local considera que esta obra "vai ser moi positiva", sinalou a portavoz municipal.

As obras inclúen a unha parte da parroquia de Mourente e á práctica totalidade da de Marcón, excepto os lugares de Pintos e A Peralba por problemas da cota xa que están máis altos que o depósito.

Os lugares onde se van a levar a cabo as canalizacións son os de Vilafranca, Pazos, A Ermida, Marcón, Ría de Arriba e Ría de Abaixo, A Barcia, A Cardosa, Freixeiro, A Raxeira e Moldes.

Ademais afecta á viarias PO-532 e PO-542 pertencentes á rede autonómica. O Concello xa aprobara outro contrato de Viaqua correspondente á primeira saída de Castrosenín, por un importe de 4,6 millóns de euros e que daba servizo a 610 vivendas de Mourente.

"Con este proxecto que iniciamos hoxe a tramitación estamos a falar de case 9 millóns de euros para o abastecemento de auga potable", destacou Anabel Gulías.