O goberno local apoiaría unha comarcalización do Parque de Bombeiros sen cargas económicas

Pontevedra
02 de agosto 2017

A alcaldesa en funcións Carme da Silva afirmaba que están abertos a negociacións pero cando as outras administracións, Xunta e Deputación, se poñan dacordo sobre o Plan de Emerxencias que queren levar a cabo

Parque municipal dos Bombeiros de Pontevedra
Parque municipal dos Bombeiros de Pontevedra

A alcaldesa en funcións no Concello de Pontevedra, Carme da Silva, manifestaba este mércores que o goberno local está aberto á comarcalización do Parque de Bombeiros, pero non a financialo para que ofreza servizo a outros Concellos. Sinalou que non poden ser os cidadáns de Pontevedra os que soporten un gasto que sería para resolver os problemas doutros concellos que carecen de parque.

Neste sentido, Da Silva indicaba que é necesario que primeiro se chegue a un acordo entre as administracións encargadas dos parques comarcais, Xunta e Deputación, para decidir como queren desenvolver o traballo de intervención en emerxencias. A partir de aí, apuntou a responsable municipal, se queren comarcalizar o Parque de Bombeiros de Pontevedra haberá que falar de financiamento.

O Concello de Pontevedra inviste 3 millóns de euros anuais no Parque de Bombeiros, indicou Carme da Silva, que asegurou que ata o momento non mantiveron conversacións nin formais nin informais sobre este tema con ningunha administración. 

Aclarou tamén que no caso de incidentes nos que se atope en risco a vida dunha persoa, os Bombeiros de Pontevedra seguirán, como ata agora, acudindo onde sexan demandados. Con todo, noutro tipo de casos, a concelleira explicou que sería incongruente deixar Pontevedra sen servizo para acudir a outro municipio.

A DEPUTACIÓN AMOSA A SÚA INDIGNACIÓN ANTE A RESPOSTA DA XUNTA

O deputado Carlos López Font manifestou a súa indignación despois de que Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, indicara que a responsabilidade dos parques comarcais de bombeiros corresponde á Deputación.

Para López Font é asombroso que o propio director xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia recoñeza que existen zonas de sombra na provincia e que, no lugar de buscar unha solución, se dediquen a instar á Deputación a que asuma competencias que lle corresponden cando o Consorcio Provincial de Pontevedra para a presentación do servizo contra incendios e salvamento está financiado ao 50% pola Xunta e pola Deputación.

Desde a institución provincial apostan por un mapa de emerxencias elaborado por isócronas, que permita aos bombeiros acudir a todos os puntos dos municipios en menos de 20 minutos.