Varias Plataformas de afectados polas participacións preferentes e obrigas subordinadas de Novagalicia Banco tiñan prevista unha protesta ás portas da Escola Naval Militar de Marín coincidindo co acto de entrega dos Reais Despachos aos que está anunciada a presenza dos Príncipes de Asturias.
A autorización foi tramitada pola Plataforma de afectados de Vigo, cuxo voceiro, José Manuel Estévez, acaba de recibir un escrito da Subdelegación do Goberno na que lle informa que, "dada a coincidencia de horario e itinerario" con "diversos actos" que "están programados", deberán presentar outra situación para a súa protesta.
A Subdelegación do Goberno en Pontevedra non prohibe a protesta tan só indica aos afectados que deberán cambiar de lugar a súa mobilización.
Dende a Subdelegación modifican o lugar da protesta á Alameda de Marín, por ser o "lugar máis próximo e viable".
MIGUEL ANGEL REVILLA
Este fin de semana os afectados sumaron o apoio á súa causa do expresidente cántabro Miguel Ángel Revilla que acudiu a Bueu para falar do seu libro Nadie es más que nadie no Centro Social do Mar nun acto que organizou a Libraría Miranda.
O coñecido político proclamou a súa intención de converterse en "la voz de los estafados".