O Consello da Xunta aprobou este xoves o cambio de denominación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que pasará a denominarse Facultade de Comunicación.
Despois de que a solicitude impulsada polo centro obtivese hai unhas semanas o informe favorable do Consello Galego de Universidades, o cambio de nome foi ratificado nesta xornada polo goberno galego, debendo agora ser publicado no DOG e remitido ao Registro Universitario de Centros y Titulaciones (RCUT).
Estes trámites completarán o proceso iniciado o pasado mes de marzo polo centro, a raíz da creación da Facultade de Dirección e Xestión Pública, á que se adscriben dúas titulacións que previamente formaban parte da oferta académica Ciencias Sociais e da Comunicación, o que fixo que esta pasase a ser "unha facultade puramente de comunicación", como salientou a súa decana Emma Torres.
"Parécenos que simplificar a súa denominación pode ser unha boa fórmula para manter un bo posicionamento como centro de referencia", sinala Torres respecto da nova denominación dun centro que iniciou a súa traxectoria en 1993 baixo o nome de Facultade de Ciencias Sociais.
Con preto de 700 alumnos a oferta académica da Facultade de Comunicación está conformada polos graos en Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual, os mestrados en Dirección de Arte en Publicidade e en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais e o doutoramento en Comunicación, que se imparte xunto coa Facultade de Filoloxía e Tradución.
O cambio da actual denominación, adoptada en 2001 coincidindo coa implantación dos estudos de Comunicación Audiovisual, arrancou o pasado mes de marzo coa aprobación por parte da Xunta de Facultade dunha proposta resultado "dunha análise interna e externa". Esta implicou, por unha banda, revisar as denominacións existentes nos centros de 67 universidades españolas que imparten estudos de comunicación, o que puxo de relevo que "non son comúns as denominacións específicas de comunicación, o que supón unha oportunidade de diferenciación e posicionamento", segundo recollía a memoria da solicitude. Por outra banda, o centro levou tamén a cabo unha "pequena enquisa" a persoal e alumnado do centro, que foi respondida por 109 persoas, das que o 43% decantáronse por Facultade de Comunicación como nova denominación.
Tras obter o visto e prace do Claustro, o Consello de Goberno e o Consello Social da Universidade de Vigo, a institución académica presentaba en novembro á Xunta esta solicitude de cambio de denominación, da que neste mes de decembro o Consello Galego de Universidades emitía informe favorable e que se ve agora ratificada agora polo Goberno galego.