O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou este venres que o Executivo apoiará a procura, identificación e dignificación de persoas desaparecidas durante a Guerra Civil e a ditadura en Galicia cunha primeira achega de 106.395 euros á Xunta para actuar sobre dúas fosas comúns en Cotobade e O Pino.
Destacou que é a primeira vez que un goberno habilita axudas directas ás comunidades autónomas para as actividades de procura e identificación de persoas desaparecidas durante a Guerra Civil ou a represión política posterior.
En concreto, actuarase sobre a fosa común do cemiterio de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade onde se estima a existencia de 11 vítimas, e na fosa situada no lugar de Amenal, no Concello do Pino (A Coruña), onde se sinalan 3 vítimas.
Para iso, a axuda contempla a creación dun grupo multidisciplinar coa participación de historiadores, forenses, arqueólogos e outros especialistas para executar estas tarefas e dignificar vítimas e lugares.