O Goberno estatal abre a vía para que se anule a concesión da prórroga de Ence ata 2073

Pontevedra
14 de marzo 2019
Actualizado: 14:45

A Avogacía do Estado inhíbese na causa aberta na Audiencia Nacional aceptando as alegacións do Concello de Pontevedra nas que aluden a que legalmente non se permiten concesións que se alonguen máis de 75 anos e na falta dunha necesidade expresa para que Ence se manteña en terreos marítimo-terrestres

A tenente de alcalde do Concello de Pontevedra, Carme da Silva, antes de comunicar a decisión da Avogacía do Estado
A tenente de alcalde do Concello de Pontevedra, Carme da Silva, antes de comunicar a decisión da Avogacía do Estado / Mónica Patxot

A Avogacía do Estado decidiu achandarse na causa aberta que se desenvolve na Audiencia Nacional con motivo da decisión do Goberno en funcións de Mariano Rajoy, que concedera o 25 de xaneiro de 2016 a prórroga de 60 anos para que a fábrica de Ence permanecese nos terreos de dominio público marítimo-terrestre que ocupa en Lourizán ata 2073.

O órgano da Administración Xeral do Estado acepta, desta forma, os recursos presentados polo  Concello de Pontevedra nos que expoñía que a concesión non se axustaba á lexislación estatal que limita estas autorizacións en terreo marítimo-terrestres por un período máximo de 75 anos, contados desde o momento en que se outorgou a primeira concesión. No caso de Ence, a fábrica conta con autorización desde 1958 e, por tanto, o máximo de permanencia debería limitarse a 2033 e nunca prorrogarse ata 2073 porque, segundo entende o  Concello de Pontevedra, non sería conforme a dereito. 

Por outra banda, outro dos motivos para outorgar unha prórroga de permanencia en terreos protexidos debe xustificarse en que ese emprazamento é necesario para a actividade empresarial. Este xoves, a tenente de alcalde  Carme da Silva sinalaba que o Estado recoñeceu con esta decisión que a empresa podería situarse noutro emprazamento e utilizaba como exemplo comparativo que un estaleiro si precisa estar situada en terreos próximos ao mar, pero no caso da pasteira non é imprescindible.

O Avogado do Estado suplica á sala da Audiencia Nacional que dite sentenza de conformidade sen efectuar condena en costas. Ademais de neste recurso do Concello, o Estado tamén se achanda nos recursos presentados pola Asociación Pola Defensa da Ría e por GreenPeace, respectivamente.

A partir da notificación á dirección de Ence, a entidade pasteira ten un prazo de cinco días para presentar recurso ante a Audiencia Nacional a esta decisión e, no caso de que non prosperen as súas alegacións, poderá presentar un recurso de  casación ante o Tribunal Supremo.

"SATISFACCIÓN MODERADA"

Carme da Silva manifestaba a "satisfacción moderada" do goberno local e felicitaba aos servizos xurídicos do Concello de Pontevedra. A responsable municipal afirmaba que cando Ence pensaba que "todo estaba atado e ben atado", esta decisión da Avogacía do Estado é unha "porta de esperanza" para que a fábrica abandone a ría de Pontevedra.

A concelleira engadiu que, en todo caso, é necesario esperar á decisión que adopte a Audiencia Nacional en relación aos recursos que presente a empresa que preside Juan Luís  Arregui. Avanzou que o Concello de Pontevedra continuará, xa sexa en vía administrativa como en vía xudicial, manifestando a súa oposición á presenza de Ence nos terreos protexidos de Lourizán.

REACCIÓN DO PSOE

O portavoz do PSdeG-PSOE en Pontevedra, Tino Fernández, sinalou que a decisión do Goberno é unha "magnífica noticia" que, ao seu xuízo, "nos dá esperanza" de poder ver "moi pronto" a ría de Pontevedra "libre de Ence".

Engade que o paso dado polo executivo de Pedro Sánchez "pon en valor" a proposta dos socialistas para que se convoque unha mesa de negociación, impulsada polo Concello de Pontevedra, para buscar unha alternativa para trasladar a fábrica. "É indiscutible que é a mellor opción", dixo Fernández.

Nestes momentos, sinalou, hai que deixarse de "mensaxes panfletarios" e o alcalde debe "asumir a súa responsabilidade" e convocar as partes implicadas a esta mesa de negociación.

Arquivado en