O goberno de Telmo Martín pide aos visitantes chegados estes últimos días a Sanxenxo que non saian das súas vivendas e hoteis

Sanxenxo
13 de marzo 2020

O Concello de Sanxenxo decidiu tamén suspender os mercados ambulantes e pechará ao público o Pazo Emilia Pardo Bazán e os parques infantís do municipio coa intención de evitar contaxios. Ademais, 10 de 60 persoas usuarias do Servizo de Axuda no Fogar de Sanxenxo renuncian á atención ante o temor do coronavirus

Xuntanza de traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Sanxenxo
Xuntanza de traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

A partir das 20.30 horas deste venres celebrarase unha xunta de portavoces para abordar a situación de crise sanitaria, despois de que o presidente do Goberno Pedro Sánchez declarase o Estado de alarma. Durante o sábado, o goberno de Telmo Martín tamén manterá un encontro para tomar decisións efectivas coa finalidade de salvagardar a saúde da cidadanía de Sanxenxo.

Desde o goberno local alértase aos visitantes que estes días recalaron no municipio a que permanezan nas súas vivendas e nos seus hoteis, e que só saian en caso de necesidade e tomando as medidas preventivas. Esta advertencia débese ao malestar da veciñanza xerado pola chegada masiva de turismo ao municipio procedente en moitos casos de Madrid, onde se suman máis de 2.000 casos de persoas infectadas polo coronavirus.

A coordinadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) mantiña tamén un encontro nas últimas horas con traballadoras desta prestación para garantirlles a posta en marcha de todas as medidas de seguridade establecidas polo protocolo de protección ante a expansión do coronavirus. Por este motivo, acudirán ás vivendas nas que teñan que realizar a atención con máscaras e luvas protectoras.

Ademais, ao longo da mañá deste venres, dez das 60 familias con usuarios que precisan esta atención decidiron renunciar voluntariamente durante os próximos días a que se desenvolva este labor no seu domicilio, segundo informan desde o Concello de Sanxenxo.

O Concello pechou xa o Pazo Emilia Pardo Bazán ao público, ademais dos parques infantís. Tamén se suspende a celebración dos mercadillos de venda ambulante. Estas medidas súmanse á suspensión de actividades extraescolares e eventos municipais. A atención nas oficinas municipais ao pública limítase a casos estritamente necesarios e recoméndase a utilización da sede electrónica do Concello de Sanxenxo.

Tamén se mantén o peche do Centro de Día, das garderías de O Tombo e O Revel, pavillóns deportivos, casas de cultura, centro multiusos de Portonovo e campos de fútbol. Desde a administración local recomendan que todas as entidades que realizan actividades noutras instalacións adopten as medidas sanitarias para evitar contaxios.