O goberno local de Ponte Caldelas mostrou a súa preocupación ante os problemas que observa coa tramitación das subvencións anunciadas pola Xunta de Galicia para axudar ás persoas afectadas polos incendios forestais durante o domingo 15 de outubro.
A convocatoria, con máis dun centenar de páxinas, está deseñada para empresas, segundo o goberno local tripartito tras consultar cos técnicos. Con todo, os cidadáns particulares vanse a atopar con serios problemas, afirma o alcalde Andrés Díaz.
O Concello xa recibiu ao redor de 90 reclamacións de persoas afectadas polos incendios. Hai desde perdas de vivendas ata danos parciais tanto nas casas como nas instalacións auxiliares, ademais de morte de animais domésticos, danos en plantacións, maquinaria, ferramentas e outros bens. O alcalde afirma que hai casos de familias que habitualmente son axudadas a través dos servizos sociais do Concello e que son incapaces de enfrontarse á tramitación.
Andrés Díaz lamenta a falta de sensibilidade social e destaca que hai afectados que "teñen medo a pedir esas subvencións porque estamos a falar de estratos humildes, que ven á administración con desconfianza". Indica que gran parte das vivendas afectadas foron levantadas en solo rústico ou se atopan sen regularizar e a Xunta reclama a acreditación da legalidade urbanística do inmoble. Ademais, a administración autonómica esixirá que os damnificados adianten o diñeiro da reconstrución e non cubrirá o IVE.
Tamén se teme que as cantidades das indemnizacións sexan moi inferiores ao valor perdido polos afectados. A Xunta, segundo o goberno local, tampouco asume os gastos de aloxamento provisional que asumiu o Concello nin os derivados do operativo de evacuación, que no caso de Ponte Caldelas serviu para axudar a 50 persoas. Na actualidade, dúas familias seguen reacollidas.
Díaz indica que as persoas que perdesen unha rozadora ou unha motosierra tampouco percibirán axudas e prevense subvencións tan baixas como a concesión dun euro por galiña perdida. Ante estas dificultades, calcula que tan só dous dos 90 afectados poderán beneficiarse das axudas autonómicas. "Están convocadas para outro país, non para Galicia, porque non teñen en conta a nosa realidade social; son un mero exercicio de propaganda", afirma o alcalde.
Tampouco se mostra satisfeito coas achegas directas aos concellos ao entender que 1,5 millóns de euros para toda Galicia son insuficientes para reparar pistas forestais ou repoñer as traídas de augas.
Ante esta situación, Andrés Díaz vai esixir á Xunta de Galicia a apertura inmediata dunha oficina administrativa de atención aos damnificados que se instale na Casa do Concello.