O reasfaltado de pistas, a extensión da rede de saneamento, a reforma dos parques, as melloras das escolas infantís e do pavillón do CPI O Toural así como a adquisición do mobiliario para o centro social de O Picho absorben a maior parte do 1.114.841 euros que o goberno local de Vilaboa ten previstos para investimentos durante este ano 2024.
A recén aprobada modificación de crédito permitirá ao goberno de César Poza darlle un importante pulo ao parque do Canaval, en Figueirido, no que ao longo deste exercicio se dotará dunha pista multidisciplinaria (82.819 euros) e se contratará tamén unha terceira fase desta remodelación global coa habilitación dun espazo ordenado para o estacionamento de vehículos e a construcción dun auditorio (224.904 euros).
A modificación puntual garante investimentos tamén no reasfaltado de pistas en Croas e Sabaxáns (43.000 euros); a extensión da rede de saneamento en Acuña (218.751 euros), na Cardiña (136.403 euros) e en Amproa (115.000 euros), dándolle continuidade a proxectos iniciados o pasado ano.
Unha partida de 15.553 euros para a adquisición do mobiliario necesario para a posta en marcha do centro social para maiores en O Picho completan os 836.841 euros de remanente de tesourería aprobados na modificación de crédito.
O orzamento para este ano recolle tamén un investimento na mellora de infraestruturas utilizadas a diario pola poboación infantil, destacando sobre todo a partida de 60.000 euros para a mellora do pavillón deportivo do Toural ou os 30.000 euros para acometer obras de reparación nas escolas infantís do municipio. Nesta mesma liña se enmarca a dotación de 10.000 euros para afrontar unha reforma integral do parque infantil de Riomaior.
Unha partida de 20.000 euros para saneamento; 35.000 euros para acondicionar o miradoiro do Monte do Cabalo; 25.000 para a recuperación do muiño do Toxal no río do Gafos; 10.000 para melloras en diferentes infraestruturas e 5.000 para adquisición de mobiliario urbano completan a partida de 278.000 euros para investimentos recollida nos orzamentos de 2024; unhas contas que este ano están condicionadas pola inminente saída a licitación do novo contrato do lixo que rexistrará o impacto da actual inflación económica, que tamén se deixará notar no costo do Servizo de Atención no Fogar (SAF) que Concello e usuarios soportan nun 40%.