O goberno bipartito de Pontevedra manifesta o seu rexeitamento enérxico á suba das peaxes

Pontevedra
30 de decembro 2020

A xunta de goberno considera que se produce un agravio comparativo con outras vías que quedan liberadas do pagamento de peaxes coa chegada do aninovo. Anabel Gulías, voceira municipal, indica que a suba dun 2,65% afecta á economía local e da contorna

Retencións de tráfico na AP-9 por un accidente
Retencións de tráfico na AP-9 por un accidente / Diego Torrado

O 2020 chegará cunha suba da peaxe da AP-9 entre Pontevedra e Vigo dun 2,65%. O anuncio da suba das tarifas realizado por Audasa provocou a reacción por parte do goberno local bipartito (BNG-PSOE) que na xunta de goberno celebrada este luns emitía un acordo en que amosa un rexeitamento "enérxico" a esta decisión que suporá un pagamento de 4 euros en cada traxecto entre as dúas cidades.

A voceira municipal Anabel Gulías afirmaba que se produce un agravio comparativo con outras vías do Estado que a partir do novo ano quedarán liberadas da peaxe. A representante do goberno local preguntábase por que Galicia queda condenada a esta posición de "aguante e resistencia" que remata afectando á economía local e da contorna.

A concelleira sinalou que o goberno local demanda solucións para rematar cunha "estafa" que condena a pagar aos usuarios desta vía que vertebra todo o territorio galego ata o ano 2048.

Lembrou que ningún goberno estatal cambiara esta situación e culpou directamente ao PP como responsable da concesión a Audasa ata o 2048. Anabel Gulías lamentou que unha concesión que dá beneficios siga sendo unha carga praa a cidadanía e para os sectores económicos.

Este acordo do goberno lo cal trasladarase no momento en que se constitúa o Goberno do Estado para denunciar que Pontevedra é un dos municipios máis afectados por esta suba, segundo apuntou Gulías.