O alcalde de Pontevedra; Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo unha entrevista este xoves con varios responsables do estudo encargado polo Ministerio Federal Alemán de Urbanismo co fin de aprender das "cidades máis avanzadas de Europa", tal e como sinalaron na súa petición formal.
No estudo que están realizando desde Alemaña, analízanse sete casos ou cidades, figurando entre elas París, Delf, Viena e Pontevedra, entre outras. A súa análise pon o foco na redución de tráficos innecesarios ou excesivos.
Este técnicos tratan de achegarse ás diversas claves do modelo urbano co que Pontevedra foi convertida nun referente mundial, polo que desde este xoves e até o sábado, 26 de agosto, están a visitar a Boa Vila.
Os investigadores, ademais de falar co alcalde, tamén se citarán con outros responsables municipais, así como con técnicos locais.
"Para nós é un orgullo que o Ministerio de Urbanismo alemán se fixe en Pontevedra así como noutras cidades ao sermos vangarda neste eido, tratando de mellorar e construír cidades de alta calidade de vida pensadas para todas as persoas", indicou Lores.