O Ganapán toma un descanso para permitir as obras do mercado tras recibir a 2.000 nenos

Pontevedra
29 de outubro 2017

A tempada pechou, como non podía ser doutra maneira, cunha xornada adicada ao Samaín. Os 12 nenos de entre 3 e 6 anos que acudiron este sábado á primeira planta do mercado fixeron doces de cabaza e, mentres esperaban a que se coceran no forno, prepararon un batido 

O Ganapán celebra o Samaín
O Ganapán celebra o Samaín / PontevedraViva

As actividades do Ganapán, a ludoteca infantil da praza de abastos de Pontevedra, vivirán a partir desta fin de semana un descanso. Despois de dez meses de actividade ininterrumpida desta tempada, este sábado celebrouse a última actividade antes o comezo das obras previstas para remodelar e reordenar os espazos do mercado. 

A tempada pechou, como non podía ser doutra maneira, cunha xornada adicada ao Samaín, que se celebra na noite do próximo 31 de outubro ao 1 de novembro. As actividades lúdicas e didácticas do Ganapán centráronse nas últimas xornadas en produtos do outono como a castaña e este sábado tocoulle o turno a outro imprescindible desta época do ano, a cabaza

Segundo indicou a monitora do Ganapán, Ruth Quiñontes, os 12 nenos de entre 3 e 6 anos que acudiron este sábado á primeira planta do mercado fixeron doces de cabaza e, mentres esperaban a que se coceran no forno, prepararon un batido moi clásico a base de galleta, plátano e leite.

Todos os ingredientes foron adquiridos previamente nos postos da praza de abastos, como xa é habitual neste proxecto, que busca que os nenos coñeceran de primeira man os beneficios da merca de proximidade.  

Agora que chega o descanso da actividade, é momento de facer balance. Neste obrigado paréntese farase unha avaliación da experiencia, que xa foi recoñecida como proxecto-modelo polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e cumpriu con gran éxito os obxectivos que o guían. De momento, o Concello xa deu a coñecer que chegou a arredor de 2.000 nenos.

Dende o comezo do proxecto sucedéronse obradoiros de natureza, arte e gastronomía e visitas escolares, actividades nas que participaron arredor de 1.200 nenos nas visitas e case 900 nos obradoiros, sendo os de gastronomía os máis demandados.  

O Ganapán leva desde o Nadal realizando actividades infantís, familiares e escolares que teñen como finalidade achegar ás crianzas á cultura dos oficios do mar e da terra, con encontros con mariñeiros, labregas, praceiras, redeiras, bateeiros, cociñeiras… oficios tradicionais que representan a cultura inmaterial galega.

Para a concelleira que promove a iniciativa, Anabel Gulías, "é fundamental transmitir ese coñecemento ás crianzas, por en valor e dignificar a identidade cultural do país con saberes transmitidos ao longo dos séculos e que, hoxe en día, seguen sendo produtivos, actuais e necesarios".