O Ganapán regresa ao Mercado polo Entroido

Pontevedra
23 de febreiro 2022

O prazo de inscrición para participar en divertidos talleres de sobremesas e de creación de complementos para os disfraces atópase xa aberto para menores de entre 4 e 10 anos

Nenos realizando actividades gastronómicas no Mercado de Abastos de Pontevedra
Nenos realizando actividades gastronómicas no Mercado de Abastos de Pontevedra / O Ganapán

O programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo no Gastroespazo do Mercado de Abastos, xa ten posto o seu disfrace de Entroido para desenvolver un intenso programa de actividades entre o sábado 26 de febreiro e o mércores 2 de marzo.

Un plan de diversión de cinco xornadas nas que os pequenos de catro a dez anos terán oportunidade de somerxerse nas festas a través dos produtos gastronómicos máis típicos e de divertidos obradoiros nos que poderán confeccionar os mellores complementos para os seus disfraces.

A campaña iniciarase coa fin de semana con talleres de elaboración de orellas ao forno e de galletas venecianas no Espazo Gastro, e outros de deseño de fociños de animais e de máscaras venecianas, no Espazo Crea.

"Para o luns 28 de febreiro temos previsto un programa no que non faltará a nosa sobremesa máis tradicional, as filloas, e no que os nenos e nenas participantes realizarán unhas lentes de festa do máis gracioso", avanza a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco. Mentres que na xornada do 1 de marzo "os rapaces e rapazas terán ocasión de elaborar unhas deliciosas rosquillas de Entroido e uns antefaces de animais", engadiu.

"Pecharemos o calendario de Entroido do Ganapán o mércores 2 de marzo cun obradoiro no que os pequenos cociñarán unha torta de confetti e un taller de creación de accesorios baseados nos nosos superheroes e superheroínas favoritos", precisou Yoya Blanco.

Todos aqueles nenos e nenas que desexen participar nestas actividades deberán reservar a súa praza previamente a través do email oganapan@gmail.com antes das 16 horas do día anterior ao da celebración das mesmas. Recoméndase portar friameira para levar a casa todas as receitas elaboradas.