O Ganapán pecha polo verán tras chegar a 1.300 nenos desde xaneiro

Pontevedra
29 de xuño 2018

Este sábado 30 de xuño rematan os obradoiros de cociña desta temporada coa elaboración dunha torta de Santiago. Un milleiro de rapaces participaron nas visitas guiadas á praza de abastos e 300 gozaron dos obradoiros infantís de cociña

Visitas escolares ao Mercado. O Ganapán
Visitas escolares ao Mercado. O Ganapán / Mónica Patxot

Este sábado 30 de xuño celebrarase a última cita da tempada no programa lúdico-formativo O Ganapán, unha iniciativa que busca dar a coñecer o mercado e a xente que nel traballa, pór en valor o espazo e os oficios do mar e da terra e concienciar ás crianzas da importancia de mercar e consumir produto frescos e de proximidade.

A última cita, que coincide tamén co fin do curso escolar e o inicio das vacacións do verán, será no espazo infantil do mercado para pequenos chefs que se achegarán á repostería tradicional preparando unha torta de Santiago.

Esta iniciativa da Concellería de Promoción Económica e da Cidade chegou durante o último trimestre, entre xaneiro e este mes de xuño, a 1.300 nenos. Un milleiro deles participaron en visitas guiadas polas dependencias da praza e 300 gozaron de citas coa cociña.

Os obradoiros de cociña e infantís do Ganapán celébranse os sábados e as visitas escolares os venres coa participación de alumnado de Educación Infantil e Primaria.  

Todos os venres o mercado recibiu a grupos de escolares que percorreron os distintos postos da praza -de carne, peixe, marisco, flores, froita, ultramarinos- coa finalidade de coñecer os produtos do mercado e establecer contacto directo cospraceiros e praceiras.

Ademais da venda, os nenos achéganse nestas visitas a todo o proceso dos alimentos, visitan a lonxa e as cámaras de conservación. Despois do percorrido, xa no Ganapán, fixeron actividades de plástica creativa relacionadas coa visita e remataron coa degustación dalgún produto vinculado co mercado (paté de mexillóns, froitas ou queixo, entre outras).