O Galo Bruxo e un animado desfile marcan o inicio dun mes de Entroido en Poio

Poio
07 de febreiro 2016

Se hai un concello da comarca onde o entroido se vive dunha forma especial, ese é sen dúbida o de Poio. Máis dun mes de festexos levarán a diversión destes días a todas as súas parroquias e o punto de partida foi este domingo coas primeiras dúas citas desta ampla programación: a presentación do Galo Bruxo e o desfile de disfraces que se celebrou entre Campelo e A Seca

Participantes no desfile de entroido 2016 en Poio
Participantes no desfile de entroido 2016 en Poio / Diego Torrado

Se hai un concello da comarca onde o entroido se vive dunha forma especial, ese é sen dúbida o de Poio. Máis dun mes de festexos levarán a diversión destes días a todas as súas parroquias e o punto de partida foi este domingo coas primeiras dúas citas desta ampla programación: a presentación do Galo Bruxo e o desfile de disfraces que se celebrou entre Campelo e A Seca.

Centos de persoas participaron neste desfile que partiu da Praza da Granxa (Campelo) pouco despois das cinco da tarde. Desde media hora antes, todas elas concentráronse nas inmediacións da saída para prepararse antes de iniciar o percorrido.

A choiva que caeu minutos antes de que comezase o desfile non impediu que se celebrase con total normalidade.

Desde alí, o desfile seguiu o seu percorrido habitual, pasando por rúa do Castelo, avenida de San Xoan, avenida da Seara, 4ª travesía, Camiño da Reiboa e A Seca.

Alí, unha gran festa amenizada pola orquestra Anduriña puxo fin a unha xornada na que se repartiron 3.780 euros en premios, entre participantes individuais, parellas, grupos e comparsas.

Entre os grupos, os máis valorado foi "A compostadora máxica" seguido por "Carnaval en Venecia" e "Veñen as asiáticas"; mentres que na categoría de animación, o primeiro premio foi para "Que foi do Xabarín", que se impuxo a "Como está o clero!" e "Galicia tiene un color especial". Pola súa banda, "Recórcholis" gañou en individual, con "La menina de porcelana" como segundo premio e "La secretaria del concello" e "Tacataca", empatados na terceira praza.

O arranque do entroido en Poio deuse, con todo, na parroquia de Samieira. Na mañá deste domingo, a SCD Samieira organizou o tradicional desfile do Galo Bruxo, un dos principais protagonistas no municipio durante estes días.

A comitiva que lle acompañou saíu de Arén e completou o seu percorrido ao chegar ao campo de fútbol de Río de Bois.

Arquivado en