A coñecida como finca de Fenosa, situada na Parda, é a elixida polo Concello para albergar o futuro edificio municipal de emerxencias. "É o terreo máis axeitado", destacou este xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Situada na Rúa do Camposanto, entre San Mauro e o depósito do guindastre municipal, conta con máis de 17.500 metros cadrados e cinco naves xa edificadas, que suman entre elas uns 6.500 metros cadrados de superficie. Son uns terreos catalogados como industriais.
Todo este ámbito é, actualmente, propiedade da empresa que xestiona os equipamentos de Unión Fenosa. O seu prezo de venda, que chegou a ser de 2,5 millóns de euros, estaba en 1,4 millóns, explicou Fernández Lores, "e negociamos que baixara a 1,2 millóns".
Ese será o diñeiro que terá que desembolsar o goberno municipal para adquirir esa parcela. "É unha gran oportunidade. Non cremos que haxa outra alternativa que reúna todos os condicionantes", sostivo o alcalde pontevedrés.
Lores, que convocou aos portavoces de PP e PSOE para acordar con eles esta adquisición, indicou que, en base ao estudo realizado, esta era a parcela que reunía as mellores condicións por tamaño, proximidade e a posibilidade de albergar a todos os servizos.
"É o máis axeitado. O terreo é suficiente para todo e todos estamos de acordo con pechar esta operación", subliñou o rexedor, que aclarou que, por agora, non está definido se a Policía Nacional ou os Bombeiros terían a súa sede neste futuro edificio municipal de emerxencias.
A intención do Concello, segundo a responsable da área de seguridade cidadá, Eva Vilaverde, "é estudalo todo", ao entender que este espazo cumpre "sobradamente" as condicións para integrar aos bombeiros pero "temos que ver se é máis interesante que quede onde está".
Sexa como sexa "non estamos pechados a nada", engadiu Vilaverde, que tamén avanzou que se falará co Goberno central e coa Dirección Xeral de Policía para analizar se a nova comisaría de Policía Nacional pode ter o seu encaixe neste proxecto.
Os trámites administrativos para comprar esta parcela, que precisará dunha modificación de crédito, "comezarán xa", segundo os responsables municipais. Será posteriormente, na fase do estudo de necesidades e adaptación de usos, cando se decida a quen irá destinado.
Entre outras cuestións, haberá que decidir se se constrúe un edificio novo ou se adaptan os existentes. Será, en todo caso, un proceso dialogado "con todo o mundo", incluídos os traballadores dos respectivos corpos municipais de emerxencias.
Con respecto aos prazos que se manexan, o alcalde asegurou que "non podemos dar datas porque sería moi atrevido", pero reiterou que a intención é ir avanzando para que este edificio municipal de emerxencias sexa unha realidade "o antes posible".
O portavoz do PP, Rafa Domínguez, destacou que "a priori" o seu partido non se opón á compra destes terreos. "Esta operación nos parece positiva para Pontevedra", afirmou, xa que "conocemos la parcela, la situación y la problemática que existe".
O socialista Iván Puentes, pola súa banda, agradeceu este "diálogo e consenso" coa oposición e avanzou que apoiarán a adquisición da parcela porque "independentemente do que se faga" considera que son terreos "absolutamente desexables" para o Concello.