O proxecto para a posta en valor do convento de Santa Clara está encima da mesa de Rafa Domínguez na Deputación de Pontevedra. O novo vicepresidente é o responsable da xestión deste edificio, adquirido polo Concello de Pontevedra e cedido á Administración provincial, e está a dedicar estas primeiras semanas do mandato para manter reunións e analizar toda a documentación necesaria para definir o seu futuro.
A preguntas dos medios de comunicación este venres, Rafa Domínguez explicou que Santa Clara, xunto co Museo de Pontevedra, son dous asuntos "complexos" e de gran importancia que están sobre a súa mesa.
Sobre o Museo, dado que xa conta cun orzamento "moi importante", está a traballarse xa no aspecto técnico para reformar as sedes centrais con fondos europeos.
No caso de Santa Clara, aínda non hai proxecto, tan só un concurso de ideas, e tampouco orzamento, de modo que, "neste momento" é "moi precipitado" falar do futuro e están "a estudar" a situación.
Para facelo, está a manter varias reunións e o vindeiro venres 25 de agosto teñen programada unha con técnicos e co director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey.
Se todo vai segundo o previsto, "en tres ou catro semanas" calculan que "teremos todo ben decidido".