O futuro de Santa Clara decidirase a mediados de xaneiro

Pontevedra
11 de decembro 2017

As clarisas parecen estar dispostas a falar co Concello de Pontevedra acerca do futuro do convento de Santa Clara, pechado desde setembro. Un primeiro contacto entre ambas as partes xa se celebrou. Foi o pasado venres en Santiago de Compostela

Xardíns do convento de Santa Clara
Xardíns do convento de Santa Clara / Mónica Patxot

As clarisas parecen estar dispostas a falar co Concello de Pontevedra acerca do futuro do convento de Santa Clara, pechado desde setembro. Un primeiro contacto entre ambas as partes xa se celebrou. Foi o pasado venres en Santiago de Compostela.

O alcalde de Pontevedra, acompañado do concelleiro de Patrimonio, mantivo un encontro coa nai abadesa das clarisas na capital galega, sor Consuelo, para trasladarlle o interese do goberno municipal por este inmoble.

Nunha reunión que Miguel Anxo Fernández Lores valorou como "positiva", a abadesa -en presenza do avogado da congregación- escoitou a formulación do Concello, interesado especialmente en abrir ao público a horta do convento, un espazo de 12.500 metros cadrados co que "expandir" a cidade na contorna de Barcelos.

A relixiosa trasladou a Fernández Lores que "por agora" non hai unha decisión tomada sobre Santa Clara, polo que "non se pode negociar nada". As clarisas, que contan con outros tres conventos en Santiago, Allariz e Ribadeo, non descartan mesmo trasladar monxas a Pontevedra para manter a súa actividade relixiosa.

O problema ao que se enfrontan, lembrou o alcalde, é que o número de relixiosas -salvo no caso de Allariz- é moi pequeno e o custo de manter os catro inmobles, todos eles monumentos históricos, fai que a súa continuidade sexa "moi complicada", segundo Lores.

"Estamos abertos a todas as posibilidades", sinalou Lores, entre elas dispoñer da horta a cambio de asumir o mantemento do convento

A clave estará nunha reunión que se celebrará a mediados de xaneiro en Santiago. Acudirá a Galicia Sor María del Rosario Sánchez Muñoz, nai presidenta da Federación Bética das Irmás Pobres de Santa Clara, a persoa da que depende a decisión sobre o futuro do convento pontevedrés.

Ademais de reunirse coas clarisas en Galicia, nese encontro estará o arcebispo de Santiago, Julián Barrio. Todos eles analizarán a situación de Santa Clara e, se aceptan traspasalo a terceiros, "iremos nós a Santiago para negociar directamente", avanzou o alcalde.

O Concello, por tanto, esperará ao resultado desta reunión. "Estamos abertos a todas as posibilidades", sinalou Lores, entre elas dispoñer da horta a cambio de asumir o mantemento do convento "ou calquera outro plantexamento que nos fagan eles".