O futuro aparcamento do Gran Montecelo terá 900 prazas e prezos "moi competitivos"

Pontevedra
21 de marzo 2023

A estas prazas de aparcamento sumaranse os 250 espazos do estacionamento público actual, que seguirá sendo gratuíto, e a nova área que se habilitará xunto á futura zona de urxencias e que terá capacidade para 128 vehículos

Visita de Alfonso Rueda ás obras de ampliación de Montecelo
Visita de Alfonso Rueda ás obras de ampliación de Montecelo / Mónica Patxot

Coas obras da ampliación de Montecelo, que segundo os promotores avanzan a "bo ritmo" e cumprindo os prazos previstos, a Xunta de Galicia comezou a trazar os plans para os servizos complementarios que terá o futuro hospital

A este respecto, Alfonso Rueda aclarou este martes, durante unha visita ás obras, como quedarán configuradas as áreas de aparcamento de todo este recinto hospitalario.

A principal bolsa de estacionamento será un aparcamento de nova construción, que terá 900 prazas en superficie. Descártase así que sexa subterráneo. Terá réxime de concesión e os seus prezos, segundo Rueda, serán "moi competitivos".

A Xunta prevé publicar nas próximas semanas o procedemento administrativo para abordar esta actuación, que se quere "acompasar" coas obras de ampliación do hospital, de forma que todo poida estar en funcionamento ao mesmo tempo, a principios de 2024.

A estas prazas de aparcamento sumaranse os 250 espazos do estacionamento público actual, que seguirá sendo gratuíto, e a nova área que se habilitará xunto á futura zona de urxencias e que terá capacidade para 128 vehículos.

Ademais, o presidente galego avanzou que sairá a concurso proximamente a redacción do proxecto para a concesión do servizo de cafetería, que pasará a prestarse no novo edificio de hospitalización, abandonando así o seu tradicional espazo no hospital actual.

MONTECELO, REFERENTE DUN MODELO HOSPITALARIO "MÁIS HUMANO"

Tras a súa visita ás obras de Montecelo, onde viu o prototipo de consultas e habitacións que terá o novo hospital, Rueda subliñou que o centro pontevedrés será referente dun modelo de atención sanitaria "máis humana".

Todo o hospital, destacou o presidente galego, apostará por instalacións "amplas e acolledoras", preparadas para acoller todas as novas tecnoloxías que, continuamente, chegan ao sector sanitario, ofrecendo así unha atención "de calidade e mellorada". 

O Gran Montecelo contará con 720 camas, 120 máis que o hospital habitual, das que case un 60% serán individuais. Ademais, crecerá un 92% os postos de urxencias e un 49% as prazas de hospital de día. Haberá tres quirófanos máis, 53 consultas máis e unha nova UCI pediátrica.

Un dos novos servizos que prestará o novo hospital de Pontevedra será o de radioterapia, medicina nuclear e hemodinámica, que permitirá que preto de 500 pacientes que se desprazaban cada ano ata Vigo poidan tratarse en Pontevedra.

Para equipar este servizo, a Xunta investirá 8,8 millóns de euros. Nestes momentos, segundo o xerente da área sanitaria, José Flores, "estamos vendo todo o equipamento que imos a necesitar" en todo o hospital e repartindo os espazos que haberá dispoñibles no complexo.

Arquivado en