O 112 xa advertiu do nivel de alerta 2 decretado nun incendio en Pazos de Borbén, pola aproximación das lapas as casas nas parroquias de Nespereira.
O lume pasou xa aos concellos de Redondela e Ponteareas e o fume é ben visible na cidade de Pontevedra onde causou certa alarma entre a cidadanía.
O incendio estase a complicar polo tempo cálido, a falta de chuvias e os ventos derivados do achegamento do furacán Ofelia.
Segundo informa a Consellería de Medio Rural, o lume empezou ás 00,26 desta madrugada en Ponteareas-Padróns e afecta os termos municipais de Redondela e Pazos de Borbén.
O director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández Couto asegurou que"el fuego se inició en seis o siete puntos a la vez".
Ata a zona desprazouse a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, co fin de supervisar e coordinar os labores de extinción. Desde o posto de mando avanzado, a conselleira agradeceu o traballo de todas as persoas que están despregadas para facer fronte aos lumes que se están a rexistrar en
Galicia e puxo de manifesto a elevada actividade incendiaria nas últimas horas, con máis de 80 lumes desde onte.
Explicou ademais que a prioridade para os medios de extinción é protexer a integridade das persoas, a continuación dos bens non forestais e, en terceiro lugar, o propio monte.
Ángeles Vázquez fixo tamén unha chamada á reflexión de toda a sociedade, para mobilizarse contra a actividade delituosa incendiaria que, dixo, nos últimos días afectou espazos coma os parques naturais e nas últimas estase cebando na zona de Ponteareas, con varios focos simultáneos e de madrugada que obrigan aos medios de extinción a facer un esforzo suplementario.
Traballan para a súa extinción 2 técnicos, 4 axentes, 12 brigadas, 12 motobombas, 5 pas, 1 avión e 3 helicópteros. Tamén participan efectivos da UME. Segundo estimacións provisionais, afecta arredor de 1.500 hectáreas.
Este lume é, arestora, o que máis preocupa aos medios de extinción.
O consorcio provincial contra incendios e salvamento, adscrito á Deputación de Pontevedra, movilizou desde onte a noite a todos os seus efectivos ante a situación de incendios que afecta, sobre todo, ao sur da provincia de Pontevedra. O cen por cen dos integrantes dos parques de Vilagarcía e O Porriño están a disposición do 112 traballando na extinción do incendio de Pazos de Borbén.
Os efectivos dos parques de Bueu e Ribadumia están movilizados para dar cobertura de emerxencia ao resto da provincia.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, está en permanente contacto coa Xunta de Galicia, a quen ofreceu todos os dispositivos de emerxencia, e cos alcaldes das zonas máis afectadas polo fogo.
O incendio de Pazos de Borbén obrigou este domingo, por indicacións do servizos de emerxencias, á cancelación da DepoAndaina de Soutomaior debido a razóns de seguridade.