O Foro Enrique Peinador, Toponimízate e Youtubeiras, tres iniciativas diferentes co obxectivo común de fomentar o uso do galego

Pontevedra
24 de setembro 2024

Este martes foron presentadas tres iniciativas diferentes que comparten un obxectivo común: fomentar o uso do galego

Participantes no acto "Galeguismo empresarial: comprometidos co futuro"
Participantes no acto "Galeguismo empresarial: comprometidos co futuro" /

Este martes foron presentadas tres iniciativas diferentes que comparten un obxectivo común: fomentar o uso do galego. Trátase do Foro Enrique Peinador, a campaña Toponimízate e o premio Youtubeiras.

O Pazo Provincial acolleu este martes o acto "Galeguismo empresarial: comprometidos co futuro" promovido polo Foro Enrique Peinador.

Neste acto o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou unha declaración institucional coa finalidade de seguir impulsando o uso do galego no ámbito empresarial.

Este acto contou coas intervencións da secretaria do Foro Enrique Peinador, Carmen Vaquero, o presidente do Foro, Xosé González; a representante de Navantia, Isabel Carro; o director executvo de Leite Noso, Pedro González; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García González; e do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López.

Por outra banda, a campaña Toponimízate chega este venres a Barro. 

O coordinador da unidade técnica de toponimia da Real Academia Galega, o filólogo Vicente Feijoo, impartirá unha charla sobre o uso de Galicia Nomeada. A veciñanza pode participar con esta aplicación na recolleita e xeorreferenciación de nomes de leiras, montes camiños e outros microtopónimos.

A sesión, aberta a todo o público, terá lugar o venres 27 de setembro, a partir das 20:00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello de Barro.

PREMIOS YOUTUBEIRAS+

Os Premios Youtubeiras renacen como Premios Youtubeiras+ ao abrir a participación ás persoas creadoras de contidos en galego en TikTok.

Os premios, cuxas bases xa están publicadas en www.youtubeiras.gal, repartirán 7.500 euros entre as persoas gañadoras de sete categorías: canle de Youtube, canle de Tiktok, creación de contidos, revelación, calidade lingüística, rede e premio do público. O prazo de inscrición está aberto até ás 23.59 horas do 15 de noviembre.

Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e da Deputación da Coruña.