O Fondo Galego de Cooperación analiza en Cuntis os proxectos a desenvolver durante este 2024

Umia
02 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O Centro Sociocultural Patelas acolleu este martes o encontro anual da Rede Municipalista Solidaria, na que participou o alcalde, Manuel Campos

O Centro Sociocultural Patelas acolleu o encontro anual da Rede Municipalista Solidaria
O Centro Sociocultural Patelas acolleu o encontro anual da Rede Municipalista Solidaria / Concello de Cuntis

O Centro Sociocultural José Raído Patelas acolleu este martes a reunión anual convocada pola Rede Municipalista Solidaria, órgano ao que pertence o Fondo Galego de Cooperación.

Este encontro celébrase unha vez en cada anualidade en cada provincia de Galicia, co obxectivo de facilitar a participación e interacción coas entidades asociadas. Neste caso, foi o Concello de Cuntis quen exerceu de anfitrión, nunha reunión na que estivo presente o alcalde, Manuel Campos, ademais de representantes de diferentes concellos e administracións de Pontevedra.

Con 112 institucións asociadas, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ten como obxectivo contribuír ao desenvolvemento dos países e comunidades empobrecidas, para promover cambios positivos e sostibles nas condicións de vida, de xeito que se contribúa á plena realización dos Dereitos Humanos Universais. Neste sentido, o alcalde Campos salientou a importancia de acoller esta reunión, que tildou como de moi positiva, e deixou patente o compromiso de Cuntis á hora de adherirse a iniciativas que sirvan para "consolidar unha sociedade galega máis sensibilizada e concienciada".

A reunión de traballo serviu para facer un balanzo de todas as actividades e accións desenvoltas ao longo do ano 2023. Ademais, tamén se trazou unha folla de ruta e un plan para continuar neste exercicio vixente. "Recolléronse tamén suxestións e propostas, como paso previo á celebración da Asamblea do Fondo Galego", explicou Campos, que agradeceu ao Fondo Galego de Cooperación a elección de Cuntis como escenario para esta reunión.