O Fondo Galego adáptase á realidade post Covid-19 e fomentará a cooperación cos países do Sur

Pontevedra
30 de xuño 2020

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade celebrou a primeira asemblea xeral virtual da historia. Os asistentes déronlle luz verde ao Plan de Actividades 2020, que está adaptado ao novo contexto xerado pola pandemia e potenciará a cooperación cos países do Sur adaptada á nova realidade 

Primeira asemblea virtual do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
Primeira asemblea virtual do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade / Fondo Galego de Cooperación

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade adaptou o seu funcionamento á nova realidade derivada da pandemia da Covid-19 e este martes celebrou a primeira asemblea xeral virtual da súa historia. Ademais do formato, tamén se adaptou a esta 'nova normalidade' o contido da reunión, pois os asistentes aprobaron por unanimidade as Liñas Estratéxicas 2020-2023, que responden as novas demandas da sociedade post coronavirus. 

Os asistentes déronlle tamén luz verde ao Plan de Actividades 2020, que está adaptado ao novo contexto xerado pola pandemia e potenciará a cooperación cos países do Sur adaptada á nova realidade. 

Situar a cooperación cos países do Sur como eixo central da actividade é precisamente un dos obxectivos establecidos nas Liñas Estratéxicas para o mandato actual, que foron presentadas polo presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González.

Os proxectos de cooperación para o desenvolvemento aprobados encádranse tamén na crise xerada polo coronavirus e investiranse un total de 98.126 euros en Mozambique e Guinea-Bissau, dos que 27.000 corresponden a achegas extraordinarias dos concellos de Cambre e Narón. Sensibilización da veciñanza, dotación de materiais de prevención, abastecemento de auga e saúde da infancia son algunhas das intervencións que se financiarán.

Traballarase asemade para incrementar a base asociativa e a súa implicación, alén de continuar sensibilizando aos gobernos locais sobre a solidariedade internacional e de reforzar tanto a transparencia como as alianzas estratéxicas. Nesta asemblea formalizouse a incorporación de Baños de Molgas. 

No caso das actividades realizadas en Galicia, substituíronse todas as que implicaban viaxes internacionais, como o xa clásico programa de voluntariado Vacacións con Traballo ou a celebración do II Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía. Este ano intensificarase a implementación da Axenda 2030 nas administracións locais, con iniciativas como a elaboración de plans municipais para a localización dos Obxectivos de Densenvolvemento Sostible. Ademais, ofrecerase formación ao respecto na nova web.

Na Asemblea Xeral Ordinaria abordouse tamén o novo marco de relacións co Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), que desde o mes de abril xa non exerce a Secretaría da organización.