O festival Sons de Ánkar celebrarase o 29 de abril

Poio
07 de decembro 2022

O concelleiro de Festexos do Concello de Poio, Xosé Luís Martínez adianta que a cita pasará a ser o día 29 e incluirá tres concertos, ademais de acoller actividades lúdicas espalladas polo núcleo de San Salvador

Concerto de Andrés Suárez en Sons de Ánkar
Concerto de Andrés Suárez en Sons de Ánkar / Concello de Poio

O concelleiro de Festexos do Concello de Poio, Xosé Luís Martínez, xa ten data para a vindeira edición do Sons de Ánkar, será o 29 de abril.

Este festival celebrábase a principios de xullo e servía para marcar o inicio do programa Verán en Poio. Para o vindeiro ano trasladarase á primavera coa participación de tres grupos. 

"Seguiremos a apostar por grandes referentes da música galega, como viñemos facendo desde que estreamos o Sons de Ánkar en 2020", indica o responsable de Festexos. 

Á hora de explicar este cambio de datas, Xosé Luís Martínez declara que "entendemos que é un evento moi consolidado e que con este novo formato pode atraer a moita xente da contorna, sen esquecer de que esa fin de semana será ponte, ao coincidir o festivo do 1 de maio en pleno luns".

Esta non será a única novidade que incluirá o novo Sons de Ánkar. Ademais dos concertos no propio parque de Ánkar, ao longo de toda esa xornada tamén se organizarán iniciativas lúdicas e xogos pensadas para xente de todas as idades, que se trasladarán a outros emprazamentos de San Salvador, como é o caso do parque de Rosalía de Castro. "Queremos que sexa unha xornada de música e diversión para todos e todas, a través de unha iniciativa variada", conclúe Xosé Luís Martínez. 

Andrés Suárez, Baiuca ou Guadi Galego son algunhas das formacións e artistas que pasaron por este festival desde o seu nacemento.

VERÁN EN POIO 2023

Por outra banda, Xosé Luís Martínez tamén confirmou que a Concellería de Festexos ten moi avanzada a programación correspondente ao Verán en Poio 2023. 

Como xa é habitual, abrirase o programa coas Festas de San Xoán, do 22 ao 26 de xuño. Volverá tamén o Festival Chalaniña, para as máis cativas, do 27 ao 30 de xullo. Como novidade, introdúcese o ‘Chalana’, o 2 e 3 de agosto, con grandes concertos en diferentes lugares do concello

A Festa do Mar, pola súa banda, volverá a Combarro entre o 23 e o 27 de agosto, mentres que pechará a programación a Festa da Ameixa, o 16 e 17 de setembro.