O festival PortAmérica, de tres en tres nos premios Fest

Umia
25 de outubro 2018

Triplo triunfo para PortAmérica. O festival, que se celebra en Caldas de Reis desde hai dous anos, volveu a ser un dos triunfadores dos Premios Fest, que recoñecen aos mellores festivais música que se celebran en todo o territorio español

Zona de restauración de PortAmérica: o ShowRocking
Zona de restauración de PortAmérica: o ShowRocking

Triplo triunfo para PortAmérica. O festival, que se celebra en Caldas de Reis desde hai dous anos, volveu a ser un dos triunfadores dos Premios Fest, que recoñecen aos mellores festivais música que se celebran en todo o territorio español.

Na cuarta edición destes premios, que se entregaron onte á noite nunha gala celebrada en Bilbao, PortAmérica levou os tres galardóns aos que optaba: mellor campaña de comunicación, mellor zona de restauración e mellor activación de marca.

A oferta gastronómica do festival recibe este premio por terceira vez. E é que, sen dúbida, o ShowRocking non ten rival en toda España. 

Capitaneado un ano máis polo pontevedrés Pepe Solla, a zona de restauración de PortAmérica reuniu máis dunha trintena de chefs nacionais e internacionais que fixeron gozar ao público con petiscos únicos creados especialmente para a ocasión.

Andoni Luís Aduriz (Mugaritz) estivo á fronte dunha lexión de cociñeiros que incluíu a Pablo González (Cabaña Buenavista), Diego Guerrero (DSTAgE), Roberto Guerrero (Punto MX), Paco Morales (Noor), Maca de Castro, Yolanda León (Cocinandos), Begoña Rodrigo (La Salita) ou Germán Espinosa (Fonda España).

Tamén cociñaron no ShowRocking o mexicano Edgar Núñez (SUD777), o portugués Kiko Martins (A Cevichería), o panameño Mario Castrellón (Maito), o arxentino Estanis Carenzo (Sudestada) ou o peruano Christian Bravo (Bravo Restobar).

A cociña galega estivo representada por Yayo Daporta, Javier Olleros (Culler de Pau), Xoán Crujeiras (Bido), Julio Sotomayor e Daniel Guzmán (Nova), Lucía Freitas (A Tafona), Beatriz Sotelo, Diego López (La Molinera), Álvaro Villasante (Paprica), Roberto Filgueira (O Balado), Antonio Botana (Pandemonium), Iñaki Bretal (O Eirado) e Pablo Romero (Vinoteca Vagos).

Pola súa banda, o premio á mellor campaña de comunicación foi para o anuncio O valor das persoas, unha curtametraxe documental centrada na importancia da educación ambiental para combater os incendios forestais en Galicia.

A peza mostraba tres iniciativas que melloran a nosa contorna e as persoas que están detrás delas: un colexio da Lama que realiza todo o ano actividades de concienciación cos seus alumnos, unha cooperativa xuvenil que recupera o labor do pastoreo con cabras e unha ecoaldea que transmite aos nenos valores de respecto e o coidado polo medio ambiente.

O terceiro premio para PortAmérica foi na categoría de mellor activación de marca, polo traballo realizado por Repsol e DS Automóbiles.