O feminismo sae á rúa polo crime machista de Ana Vanessa: "seguiremos en marcha ata que todas sexamos libres"

Pontevedra
05 de xuño 2023

A concentración, convocada pola Marcha Mundial das Mulleres, contou cunha ampla representación da política da cidade, entre eles, os números 1 e 2 do BNG, Miguel Anxo Fernández Lores e Eva Vilaverde, e do PP, Rafa Domínguez e Pepa Pardo. Acompañándoos, boa parte dos concelleiros dos dous partidos

Concentración polo feminicido de Ana Vanessa Serén en Santa María de Oia
Concentración polo feminicido de Ana Vanessa Serén en Santa María de Oia / Mónica Patxot

O crime machista de Ana Vanessa Serén en Santa María de Oia sacou a rúa este luns a un nutrido grupo de pontevedreses e pontevedresas. Diante da Audiencia Provincial de Pontevedra, concentráronse en sinal de repulsa e para reclamar "seguiremos en marcha ata que todas sexamos libres". 

A concentración, convocada pola Marcha Mundial das Mulleres, contou cunha ampla representación da política da cidade, entre eles, os números 1 e 2 do BNG, Miguel Anxo Fernández Lores e Eva Vilaverde, e do PP, Rafa Domínguez e Pepa Pardo. Acompañándoos, boa parte dos concelleiros dos dous partidos. 

Ana Vanessa Serén foi asasinada o sábado a mans do seu ex, Víctor González, garda civil en activo destinado en Baiona. Despois de matala a tiros, escapou e, cando foi acurralado pola Garda Civil, acabou quitándose a vida coa mesma escopeta. 

Este novo feminicidio, o segundo en Galicia este ano, activou o protocolo de alarma do feminismo galego, que busca dar unha resposta contundente á violencia machista.

O manifesto da Marcha Mundial das Mulleres para esta convocatoria lembra que a Ana Vanessa "matárona aínda tendo unha orde de afastamento", con máis de 50 intervencións policiais de seguimento, cun risco catalogado como medio. "Ningunha das actuacións foi suficiente para que hoxe non esteamos aquí, cheas de carraxe, por ela", insistiron.

"Xa non queremos minutos de silencio nin loito, queremos xustiza, queremos acabar coas políticas criminais que acaba coas nosas vidas, co noso dereito a vivilas", engadiron, moi críticos tanto coas institucións como coas Forzas e Corpos de Seguridade e cos medios de comunicación

Esixen, pois que a lei sexa efectiva e tamén recursos suficientes para abordar este problema e un compromiso real por acabar co terrorismo machista.