O falecemento de dous octoxenarios con covid eleva a 245 o número de vítimas mortais da pandemia na área sanitaria

Pontevedra
02 de febreiro 2022

As dúas novas vítimas son un home de 85 e unha muller de 87 anos, que faleceron no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra o 31 de xaneiro. Ámbolos contaban con outras enfermidades no seu historial. Saúde Pública confirmaba tamén a morte en Galicia doutras tres persoas de idades avanzadas diagnosticadas de coronavirus. A comunidade autónoma eleva a 2.955 o número de vítimas como consecuencia do virus

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / PontevedraViva

Unha muller de 87 anos e un home de 85, diagnosticados de coronavirus, falecían o luns 31 de xaneiro no  Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. A Consellería de Sanidade trasladaba este mércores dous as súas mortes e indicaba que contaban con outras enfermidades nos seus historiais clínicos.

Desta forma, o número de pacientes falecidos na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés desde o inicio da pandemia sitúase en 245 pacientes. Durante este tempo curáronse de covid-19 un total de 43.557 pacientes, 804 máis que na xornada de onte.

Saúde Pública tamén confirmaba a morte coa infección doutras tres persoas máis en Galicia nas últimas horas. Trátase dunha muller de 78 anos, que falecía no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo; unha muller de 85 anos anos, na área sanitaria de Ferrol e un home de 83 anos, na área sanitaria de Santiago e A Barbanza. As súas mortes rexistrábanse o martes 1 e tamén presentaban outras patoloxías previas nos seus informes médicos.

Galicia eleva a un total de 2.955 persoas o número de vítimas mortais como consecuencia do virus.

PREVISIÓN DE VACINAS PARA O XOVES 3

O edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo acollerá 300 repescas a cidadáns maiores de 18 anos, que non acudiron a vacinarse cando foron citados. Realizaranse en quendas de mañá e tarde. No Recinto de Fexdega en Vilagarcía de Arousa tamén se efectuarán 100 repescas a persoas que se atopen na mesma situación e tamén será en dobre quenda.

Desde a Consellería de Sanidade pídese puntualidade para evitar dificultades na circulación das persoas e que se respecten os tránsitos establecidos. 

Tamén continúa dispoñible a opción de vacinarse tanto no edificio da Xunta en Pontevedra como en Fexdega, en Vilagarcía, para aquelas persoas que aínda non se teñan administrado ningunha dose da vacina anti- covid.