O falecemento de dous homes eleva a 75 o número de mortes con covid na área sanitaria neste ano

Pontevedra
06 de xullo 2022

Segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade, os pacientes falecidos tiñan 78 e 85 anos e presentaban outras enfermidades previas. A área sanitaria continúa incrementando o número de ingresos derivados da pandemia. Este mércores rexístranse 102 pacientes (+5), dous deles permanecen na Unidade de Coidados Críticios de Montecelo

Datos covid na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés este mércores 6 de xullo de 2022
Datos covid na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés este mércores 6 de xullo de 2022 / Consellería de Sanidade - Xunta de Galicia

Continúa o incremento de ingresos nos hospitais da área sanitaria motivados pola infección de coronavirus. Este mércores 6 de xullo, a Consellería de Sanidade informa da presenza de 102 pacientes, cinco máis que o martes, en camas de hospitalización recuperándose da enfermidade. A eles hai que sumar outros dous pacientes con covid que se atopan na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo.

85 pacientes mantéñense en camas do Hospital Montecelo; 16 atópanse no Hospital do Salnés e unha no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez.

O número de casos activos na área sanitaria é de 1.611 persoas, 86 casos menos que na xornada de onte. 1.507 pacientes recupéranse nos seus domicilios, segundo o Sergas. Durante as últimas 24 horas realizáronse 152 probas PCR e o Servizo Galego de Saúde informa de 157 novos positivos nos seus rexistros.

Nas últimas horas notificáronse outros dous falecementos de pacientes infectados por covid-19. Trátase de dous homes, de 78 e 85 anos, que presentaban outras enfermidades previas nos seus historiais médicos. O número de persoas falecidas desde o inicio da pandemia nos distritos sanitario de Pontevedra e O Salnés ascende a 304 pacientes. 75 destas mortes producíronse nestes primeiros meses de 2022.

INCREMENTO DE CASOS E INGRESOS EN GALICIA

En Galicia tamén se incrementa o número de ingresos por esta causa nos hospitais autonómicos. Este mércores notifícanse 824 pacientes, 18 máis que onte. A eles súmanse 34 persoas nas UCIs, catro máis que o martes. Na última semana está a rexistrarse un aumento destacado de ingresos porque o 29 de xuño notificábanse 650 hospitalizacións, 208 menos, e 20 persoas en Unidades de Críticos en Galicia.

O número de casos activos por covid-19 tamén ascende por segundo día consecutivo. Actualmente sitúanse en 15.858 na comunidade, un total de 1.104 casos máis que onte. Trátase de 3.446 casos máis que hai unha semana.

Os novos contaxios tamén aumentan a 1.734 en Galicia, son 200 máis que os detectados o martes 5. Nestes rexistros non se contabilizan os autotest positivos e só se recollen as probas de diagnóstico realizados a poboación vulnerable, segundo os protocolos establecidos pola Consellería de Sanidade.

O número de falecementos en Galicia ascende a 3.633 desde o inicio da pandemia, tras a notificación de nove decesos máis por parte de Saúde Pública. A cifra de persoas curadas é de 634.811 persoas (+623).