O 'éxodo' urbano e a marcha de estranxeiros fan minguar o censo de Pontevedra en 2021

Pontevedra
29 de xaneiro 2022

Tras seis anos seguidos dun crecemento poboacional máis ou menos sostido, Pontevedra dá un paso atrás. 2021 pecha con 84.082 persoas no municipio. Son 748 menos que a finais de 2020. Son datos aínda provisionais, xa que faltan por incluír no padrón todos os nacementos rexistrados en novembro e decembro

Xente paseando con máscaras por Pontevedra
Xente paseando con máscaras por Pontevedra / Mónica Patxot

Tras seis anos seguidos dun crecemento poboacional máis ou menos sostido, Pontevedra dá un paso atrás. 2021 pecha con 84.082 persoas no municipio, segundo os datos que figuraban no padrón municipal ao 31 de decembro. Son 748 menos que a finais de 2020.

Trátase, iso si, de datos aínda provisionais, xa que faltan por incluír no padrón todos os nacementos que se produciron nos dous últimos meses de 2021, novembro e decembro. Os falecementos, pola súa banda, xa están todos rexistrados.

A cifra final de 2021 coñecerase entre os meses de marzo e abril, segundo explican fontes municipais, pero por agora os rexistros oficiais reflicten que retrocede ata un nivel que superara en 2018, ano que concluíu con 84.197 cidadáns censados.

 

Indo a datos máis concretos, en Pontevedra habitan 64.181 persoas no seu núcleo urbano, o 76,23% do total da súa poboación. É na cidade, con todo, onde se rexistra esta perda de residentes. Con respecto a 2020, viven nela 797 persoas menos.

Os outros 19.901 pontevedreses (o 23,77% do total de habitantes) teñen o seu domicilio fixado nalgunha das quince parroquias do rural. Neste caso, a tendencia é a contraria, xa que, aínda que timidamente, no seu conxunto gañaron poboación. Hai nelas 49 residentes máis.

Lourizán, que continúa sendo a parroquia máis poboada, baixa por primeira vez dos 3.000 habitantes. Pecha 2021 con 2.988 residentes (-41).

Tamén perden poboación Mourente, que queda en 2.002 (-25); Marcón, 2.010 (-16); Lérez, 1.696 (-12); Verducido, 878 (-7); Santa María de Xeve, 802 (-5); e Tomeza, 961 (-3).

O maior aumento poboacional, pola contra, rexístrase en Salcedo, que incrementa o seu padrón ata as 2.210 persoas, 115 máis que hai un ano, un espectacular rexistro que lle fai recuperar un nivel poboacional que non tiña desde 2013.

Santo André de Xeve, con 1.055 (+19); Alba, con 714 (+12); Ponte Sampaio, con 1.078 (+8); Bora, con 731 (+2); A Canicouva, con 247 (+1); Cerponzóns, con 709 (+1); son as outras seis parroquias que durante 2021 viron aumentado o seu censo de residentes.

A única que se mantén sen cambios, con 1.840 habitantes, é Campañó.

Os datos do padrón reflicten ademais que o crecemento vexetativo segue sendo negativo, é dicir, hai máis falecementos que nacementos. A falta de incluír os nacementos de novembro e decembro, en Pontevedra houbo 470 recentemente nados fronte a 717 defuncións.

Un dos motivos que fundamental o descenso poboacional de Pontevedra é o 'éxodo' entre os residentes estranxeiros, ben porque regresaron aos seus países de orixe ou porque optaron por fixar a súa residencia noutras localidades.

Hai censadas en Pontevedra 4.403 persoas doutras nacionalidades, 159 menos que o ano anterior. Son o 5,24% do total dos habitantes do municipio. Os residentes de nacionalidade española son, por tanto, 79.679.

Desde o Concello explican ademais que este ano, como se realiza de maneira periódica cada certo tempo, o padrón depurou o censo de persoas nadas noutros estados, dando de baixa a persoas das que non se puido confirmar que teñan o seu domicilio no municipio.