O Exército de Terra desprega unha Unidade Móbil en Pontevedra para captar á mocidade

Pontevedra
01 de xuño 2021

O Exército de Terra despregou este martes unha Unidade Móbil de Información e Captación na Praza de España, en Pontevedra, coa colaboración de persoal militar da Brigada "Galicia" VII, e o seu labor é o de informar á cidadanía sobre o acceso á escala de Tropa  

O Exército de Terra desprega unha Unidade Móbil en Pontevedra para captar á mocidade
O Exército de Terra desprega unha Unidade Móbil en Pontevedra para captar á mocidade / Mónica Patxot

O Exército de Terra despregou este martes unha Unidade Móbil de Información e Captación na Praza de España coa colaboración de persoal militar da Brigada "Galicia" VII, e o seu labor é o de informar á cidadanía sobre o acceso á escala de Tropa.

Neste punto de información, o persoal presenta as diferentes vías de acceso e as oportunidades profesionais que ofrece o Exército de Terra, en especial a relativa ás prazas ofertadas no segundo ciclo do ano 2021, que dará comezo o día 8 de xuño na Subdelegación de Defensa en Pontevedra. 

Entre outras cuestións, a todas aquelas persoas que se achegaron ata esta unidade móbil estáselles explicando que as Forzas Armadas proporcionan unha "profesión de futuro", onde se poden continuar os estudos, xa que se obteñen títulos do Sistema Educativo Xeral (de Grao e de Técnico Superior), e tense a posibilidade de proxección, tendo en conta que se reservan moitas prazas para promoción interna. 

Igualmente resolven calquera dúbida sobre o desenvolvemento da profesión militar. Entre outras curiosidades sinalaron que neste curso 2020/2021 a Base Xeral Morillo, cuartel xeral da  Brilat en Pontevedra, oferta oito novos módulos formativos dirixidos ao persoal de tropa e co obxectivo de alcanzar un certificado de profesionalidade nivel 2.

No pasado curso foron cinco os módulos, nas seguintes especialidades: "Soldadura con eléctrodo revestido e Tic", "Atención sanitaria as múltiples vítimas e en catástrofes", "Transporte sanitario" e "Seguridade privada e protección ás persoas". Ademais, ofertouse un curso de lingua e matemáticas para que aquelas persoas que non estaban en posesión do título de Educación Secundaria Obrigatoria puidesen acceder aos diferentes plans formativos. 

PROCESO SELECTIVO

O pasado mes de maio o Ministerio de Defensa pechou o primeiro ciclo do proceso selectivo 2021 para o ingreso como militar profesional da escala de tropa e mariñeiría das Forzas Armadas, con notable afluencia de peticións na provincia de Pontevedra.

Para este primeiro ciclo, recibíronse no Centro de Selección da Subdelegación de Defensa na nosa provincia 267 solicitudes (213 homes e 54 mulleres) para tomar parte no proceso. Finalizado o mesmo, 52 pontevedreses obtiveron praza. Igualmente, foron seleccionados no Centro de Selección pontevedrés un total de 17 solicitantes procedentes doutras provincias galegas, que fan un total de 69 seleccionados (55 homes e 14 mulleres). Deles, 46 irán a unidades do Exército de Terra, 18 á Armada e 5 ao Exército do Aire.