O ex alcalde Javier Cobián 'bendice' a Rafa Domínguez: "Pontevedra necesita savia nova"

Pontevedra
13 de marzo 2019

Non apoiou publicamente nin a Telmo Martín nin a Jacobo Moreira, os dous últimos candidatos do PP de Pontevedra, pero si quixo facelo co actual. O ex alcalde Javier Cobián, afastado da política municipal, asegura que "este é un momento no que hai que posicionarse" e decidiu facelo á beira de Rafa Domínguez

Rafa Domínguez e Javier Cobián, ex alcalde de Pontevedra
Rafa Domínguez e Javier Cobián, ex alcalde de Pontevedra / Partido Popular de Pontevedra

Non apoiou publicamente nin a Telmo Martín nin a Jacobo Moreira, os dous últimos candidatos do PP de Pontevedra, pero si quixo facelo co actual. O ex alcalde Javier Cobián, afastado da política municipal, asegura que "este é un momento no que hai que posicionarse" e decidiu facelo á beira de Rafa Domínguez.

Pontevedra, segundo Cobián, "necesita savia nova" e mostrou o seu "absoluto apoio" a Domínguez, ao que ve "perfecto" para asumir a Alcaldía que el mesmo ostentou entre 1991 e 1995. "É unha persoa preparada, cunha carreira brillante e cunha idade perfecta para ser alcalde", sinalou o ex rexedor popular.

Este apoio, expresado a través dun comunicado, foi agradecido por Domínguez, que lembrou que Pontevedra "débelle moito a Pancho Cobián", xa que foi o "impulsor" do campus de Pontevedra, adquiriu o cuartel de San Fernando ou apostou pola ponte dos Tirantes e o Pazo da Cultura.

"Sempre buscou o mellor para Pontevedra. Sempre. E creo que esta cidade débelle un aplauso colectivo", sinalou o líder popular.

Cobián, pola súa banda, defende os seus anos á fronte da Alcaldía e recoñeceu que se foi "desencantado" polas súas "discrepancias" con Madrid, onde gobernaba o Partido Socialista, e mesmo co PP de Manuel Fraga, ao que achacaba a falta de investimentos da Xunta en Pontevedra.

Sobre a Pontevedra actual recoñece os avances, pero tamén ten unha visión crítica porque, segundo o ex rexedor, "Circular e aparcar son unha odisea absoluta" e a cidade está "pechada", o que "non convida á xente de fóra a vir porque todo son dificultades".

"Hai que ofrecer algo máis que paseo e terrazas. A actividade económica e o emprego son fundamentais e niso non se está pensando", destacou Cobián, que ve como Pontevedra "está a quedarse atrás en moitos aspectos".

Arquivado en