O estudo Nieto Sobejano Arquitectos gaña o concurso para a rehabilitación do antigo convento de Santa Clara

Pontevedra
09 de xuño 2023

Despois de catro días de deliberación o xurado considerou que o proxecto "Verbas da pedra" responde "de maneira sobresaliente ao desafío de transformar un recinto con vocación de illamento nun lugar público"  

Infografía do anteproxecto do estudo Nieto Sobejano Arquitectos
Infografía do anteproxecto do estudo Nieto Sobejano Arquitectos

O estudo Nieto Sobejano Arquitectos gañou o concurso para a rehabilitación do antigo convento de Santa Clara para convertelo na sétima sede do Museo de Pontevedra.

A proposta formulada por Nieto Sobejano impúxose á dos outros catro equipos finalistas: Kaan Architecten BV (en segundo lugar), a UTE formada por David Chipperfield e Carlos Seoane (terceiro lugar), Kengo Kuma (cuarto) e Snohetta Oslo en UTE con Alfonso Penela (quinto). 

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera anunciou o resultado nunha rolda de prensa na que destacou o gran nivel deste concurso de ideas no que "os problemas que se expuñan eran francamente complexos". 

O gañador leva un premio de 60.000 euros e o resto terán 4 accésit de 30.000 euros. "O seguinte paso, que en principio non imos dar, é adxudicarlle a redacción do proxecto ao gañador", apuntou Mosquera, "iso, en principio, queda para a próxima Corporación a menos que teñamos algunha comunicación por parte do próximo goberno de que o fagamos para ir gañando tempo". 

Pola súa banda o director do Museo de Pontevedra e presidente do xurado, Xosé Manuel Rey, expresou a "satisfacción tan grande" dos membros do xurado por este proceso de selección afirmando que foi "moi enriquecedor" aplicando a perspectiva de diferentes disciplinas e destacou "o extraordinario traballo e a gran calidade da documentación de todas as propostas".

Despois de catro días de deliberación o xurado considerou que o proxecto "Verbas da pedra" responde "de maneira sobresaliente ao desafío de transformar un recinto con vocación de illamento nun lugar público".

O presidente do xurado lembrou que "este proxecto ten que madurar, ten que evolucionar para acabar converténdose nunha solución definitiva" polo que "queda, no caso de que o proceso se materialice, unha discusión moi profunda con todo o equipo do Museo para axustar algunhas disfuncións puntuais, algún desaxuste, para reforzar partes moi potentes e para minimizar algunhas cuestións".

O xurado valorou moi positivamente cuestións como a integración dun espazo que se converte nun miradoiro cara ao claustro e que permite ordenar toda a circulación e toda a distribución de usos do complexo. 

"Este é un proxecto de cidade que non ten que ver cunha forza política ou outra e que espero que haxa altura de miras como para que ninguén o estea torpedeando", dixo César Mosquera que considera que é unha "garantía que o presidente da Xunta dixese que non se ía a quedar fóra de Santa Clara".

O estudo Nieto Sobejano Arquitectos atesoura unha ampla experiencia no sector cultural ao deseñar, entre outros moitos, o Museo Nacional de Escultura (Valladolid), a ampliación do Museo de Arte de Moritzburg (Alemaña) a rehabilitación de Citeina du Théâtre (Francia) e tamén gañaron o concurso para o novo Museo de Belas Artes de Vannes (Francia).