O Concello xa ten nas súas mans o traballo elaborado por Fernando Nebot, experto en mobilidade, un extenso documento de case 300 páxinas que servirá de base para a redacción da futura ordenanza de utilización de espazos públicos e mobilidade amable de Pontevedra, que substituirá á normativa actual, en vigor desde 1987.
En concreto, tras analizar con detalle o modelo urbano pontevedrés, Nebot propón un total de 25 recomendacións, partindo de que a segregación do espazo público sexa a mínima posible, para que poidan ser incluídas na normativa que se aprobe.
A principal medida que se propón é que a velocidade máxima da circulación nas rúas de plataforma única ou preferencia peonil, como poden ser Michelena, Gutiérrez Mellado, Cruz Gallástegui ou Riestra, sexa de 10 quilómetros por hora para todo tipo de vehículos.
O estudo sinala que, por encima desa velocidade, pódense orixinar problemas de convivencia e xerar situacións de inseguridade ou atropelos. Ademais, establece que os coches non angustien nin acosen aos peóns, deixando unha distancia mínima de dous metros.
Pola súa banda, nas rúas con beirarrúas que teñan un elevado tránsito peonil, entre elas Benito Corbal, Joaquín Costa, Sagasta, Avenida de Vigo ou María Vitoria Moreno por citar só algunhas, suxírese reducir o límite de velocidade a 20 quilómetros por hora, ao considerar excesivo o actual límite de 30, implantado en todo o centro urbano.
A iso súmase medidas como o estreitamento da calzada, acurtar os pasos de peóns con orellas ou lengüetas, reforzar as "portas de entrada" entre as diferentes prioridades da vía ou fixar, en materia de lombos, que cubran todo o ancho da calzada, que a pendente de acceso non sexa maior a 15 graos ou estar correctamente sinalizados e iluminados.
Con respecto ás bicicletas, o estudo propón non permitir que vaian polas beirarrúas e que, en todo caso, respecten o sentido de circulación da calzada. Acepta unha excepción, os nenos menores de dez anos, que obrigatoriamente terían que ir acompañados por un adulto a pé.
Nas zonas de preferencia peonil ou con plataforma única, non deberían superar os 10 quilómetros por hora, do mesmo xeito que o resto dos vehículos, e circular afastados das fachadas, para evitar atropelar a alguén que salga dun edificio ou un establecemento comercial.
Desaconsella ademais que as bicicletas -salvo en nenos de menos de dez años- ou patinetes eléctricos circulen polas beirarrúas
Ademais, desaconsella sinalizar espazos para a circulación das bicicletas polas beirarrúas ou a construción de carrís bici, sobre todo se a velocidade máxima á que poden ir os vehículos é inferior aos 50 quilómetros por hora.
E que pasa cos chamados vehículos de mobilidade persoal? Pois aconsellan non autorizar o seu uso e, por tanto, prohibir explicitamente que os patinetes eléctricos, monociclos ou segways poidan circular polas beirarrúas ou por áreas de preferencia peonil.
Este documento será entregado a todos os grupos políticos da corporación municipal e a diferentes colectivos sociais relacionados co ámbito da mobilidade. O goberno confía en obter un alto grao de consenso, o que permitiría aprobar esta ordenanza "con bastante facilidade", explicou César Mosquera.
En caso contrario, engadiu, algunhas destas medidas, especialmente as encamiñadas a garantir a seguridade de todos os usuarios dos espazos públicos de Pontevedra, poderían implantarse coa aprobación dun bando ou unha declaración similar por parte do alcalde e sen necesidade de elaborar a ordenanza completa.
Mosquera, en todo caso, sinalou que en liñas xerais o goberno municipal sente "cómodo" coas medidas que propón Fernando Nebot, porque "conceptualmente" reforza a súa idea de convivencia no espazo público. Son, dixo, propostas "coherentes", aínda que recoñece que nalgunhas hai "matices" que se poden "discutir".