O Concello de Ponte Caldelas xa recibiu o estudo de alternativas ao abastecemento do sur da provincia de Pontevedra e, nun comunicado, sinalou que a súa "sorpresa foi máxima ao descubrir que a análise de alternativas expostas contempla tamén a construción dunha presa no río Verdugo, asolagando as aldeas de Portasouto e A Fraga".
"Agora entendo porqué tardaron preto dun mes en enviarnos o estudo. Este non é unha proposta de alternativas. É un estudo de alternativas baratas", indicou o alcalde, Andrés Díaz.
O estudo desvela un total de sete alternativas: alternativa cero, nova presa no río Oitavén, nova presa no río Verdugo, bombeo desde o Miño, desalinizadora na Ría de Vigo, bombeo desde a confluencia dos ríos Verdugo e Oitavén e subalternativas, "das que se escolleron as máis baratas dar solución ao abastecemento da zona sur da provincia".
No propio estudo determínase que unha desalinizadora daría auga xa tratada que podería ir directamente ao consumo, pero descártaa "porque é necesario manter en funcionamento a planta todo o ano, o que implica un gasto innecesario (...) dado que os problemas de escaseza prodúcense de maneira moi eventual", segundo redáctase no propio informe.
"É unha vergoña e unha intensatez que só se valoren os custos económicos. O informe non contempla en ningún momento o alto custo medio ambiental e social que supoñería a construción dun encoro, sexa en Forzáns, na Fraga ou en calquera outro lugar de Galicia ou do mundo, unha infraestrutura que mataría, que enterraría para sempre aldeas, patrimonio arquitectónico, cultural, natural e inmaterial, que botaría a persoas das súas casas. Só miran o diñeiro e a afección á gran cidade. Unha vez máis demostrar que o rural lles importa ben pouco e que lles da igual que se siga baleirando Galicia ou España", explica Díaz.
Por outra banda, o alcalde de Ponte Caldelas tamén rebate as palabras da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e da directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, "que dicían que o encoro era unha solución a longo prazo, a 2070, e o estudo deixa ben claro que a posta en marcha da obra sería a 12-13 anos vista. Minten descaradamente", asegura Díaz.
O alcalde esixe que rexeiten "de maneira contundente" a posibilidade de construción dun encoro en Forzáns, así como que descarten todas as outras alternativas que pasan por Ponte Caldelas, como o encoro en Portasouto e A Fraga "e que se deixen de botar balóns fóra".
"Para que piden que se declare de interese nacional? Están de acordo en que se faga o encoro en Forzáns e queren que pareza que quen quere facelo é o Estado? A última palabra tena a Xunta de Galicia, pero se queren poden ter xa, agora, a primeira palabra para frear unha barbaridade medio ambiental e social, un ataque ao rural máis propio dunha ditadura e dos tempos de Franco que do século XXI", finaliza o alcalde.