Oito dos case 18 millóns de euros que custará o novo edificio xudicial da Parda sairán do Estado. Así se recolle no proxecto de orzamentos xerais do Estado presentado nas últimas horas. O diñeiro chegará á Xunta a través do fondo de compensación, que o executivo central destina a equilibrar os ingresos das autonomías.
Este feito foi cualificado como "rechamante" por parte do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, porque lembrou que se trata dunha obra que a Xunta de Galicia "vendeunos hai sete anos".
Fernández Lores, neste sentido, acusou ao goberno galego de "mentir" cando responsabilizaba ao Concello do atraso nas obras de construción deste novo edificio xudicial por non ter os terreos cando o problema era, engadiu, "que non tiñan un peso" para pagar as obras.
"Todo o que estaban dicindo era mentira", reiterou o alcalde de Pontevedra, que criticou que o Estado destine diñeiro para "pagar compromisos da Xunta" e que esta, mentres tanto, "intente meterlle o dedo no ollo" ao Concello en relación a este proxecto.
A este respecto, o goberno galego matizou que aínda que o Estado non transferise ese diñeiro a través do fondo de compensación interterritorial, o edificio xudicial tería garantido "igualmente" o seu financiamento.
Fontes da Consellería de Presidencia sinalaron a PontevedraViva que Lores "equivócase" nas súas críticas porque explican que "non son fondos do Estado, senón da Xunta" e mostran a súa sorpresa polo seu "profundo descoñecemento" de como funciona un orzamento público, "algo preocupante nun alcalde".
A Xunta sostén que as comunidades poden destinar o diñeiro que o Goberno reparte a través deste fondo "ao que queiran", sempre que se trate de investimentos. "É unha parte máis dos ingresos da Xunta e como tal forman parte do orzamento da Xunta", aseguran, polo que garanten que o edificio xudicial "finánciao a Xunta" cos seus recursos.
Este investimento aparece nos orzamentos xerais do Estado "a título informativo", como fai con todos os proxectos que as comunidades financian con cargo a este fondo, unha información que os gobernos autonómicos fornecen ao executivo central "para o seu coñecemento".