Durante os campionatos do mundo de Tríatlon que se celebrarán en Pontevedra do 27 de abril ao 4 de maio, o Concello de Pontevedra ten intención de ampliar o espazo de estacionamento de autocaravanas actual no aparcamento de balde habilitado en Tafisa.
Segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra, este mércores mantiveron unha reunión coa Asociación galega de Autocaravanas para abordar a súa participación nos campeonatos. Estiveron presentes as concelleiras de Deportes e Promoción da Cidade e Turismo, Anxos Riveiro e Anabel Gulías, e do portavoz da Policía Local, Manuel Omill.
O encontro serviu para articular a colaboración desta entidade no evento deportivo, dado que as autocaravanas son un medio de transporte moi empregado tanto polos deportistas como polos seus seareiros, o que se prevé unha gran afluencia de autocaravanistas a cidade nesas semanas.
O Concello ampliará o espazo de estacionamento destes vehículos en Tafisa e segue a buscar outros emprazamentos próximos para dar cabida á cantidade de autocaravanas que se prevé que cheguen a Pontevedra.
O presidente da asociación, Manuel Arruti, ofreceu toda a colaboración da entidade para facilitar a chegada e aparcamento de autocaravanas, pondo a disposición voluntarios que poidan xestionar estes espazos.
A concelleira de Deportes, Anxos Riveiro agradeceu a boa disposición da entidade e a estreita colaboración que mantén co Concello, para lograr o mellor acomodo posible dos visitantes e deportistas que se acheguen a Pontevedra entre abril e maio.