O estacionamento disuasorio da Parda xa está a punto

Pontevedra
19 de marzo 2014

Ao longo desta mesma semana tamén está previsto que se poña a disposición dos condutores o estacionamento gratuíto de Pasarón, unha vez que rematen os traballos complementarios que se están a realizar

Estacionamento disuasorio da Parda unha vez realizadas as obras complementarias
Estacionamento disuasorio da Parda unha vez realizadas as obras complementarias

As obras realizadas nas últimas semanas xa están reamatadas e este mércores abriu xa a pleno rendemento o estacionamento disuasorio habilitado polo Concello no barrio da Parda. Ao longo desta mesma semana tamén está previsto que se poña a disposición dos condutores o estacionamento gratuíto de Pasarón, unha vez que rematen os traballos complementarios que se están a realizar.

No caso da zona de estacionamento da Parda a posta a punto consistiu nunha pavimentación con asfalto; a recollida e canalización de pluviais; a creación dunha rampla de acceso dende a rúa Xoán Carlos I; a plantación de herba no noiro que dá á rúa Losada Diéguez (a parte inferior); e o peche cun valado metálico.

Os traballos recén realizados foron obras complementarias valoradas en 50.000 euros que supoñen mellorar o espazo de estacionamento que abrira provisionalmente no Nadal cun pavimento de grixo e sen que rematasen as obras. As obras estaban previstas para os primeiros meses do ano, pero tivéronse que adiar debido ao mal tempo.

Esta zona de estacionamento  ten unha superficie de 3.000 metros cadrados e unha capacidade para acoller 100 vehículos. Habilitouse ante a necesidade de dar servizo a unha área con grande cantidade de servizos como o Conservatorio Manuel Quiroga, o centro de saúde, a escola infantil, os xulgados e o comercio do barrio.

No caso do estacionamento de Pasarón, fíxose unha canalización de pluviais e mellorouse a drenaxe do terreo cunha capa inferior de grava que custou 33.650 euros. O anterior pavimento, de xabre, substitúese por grixo, xa que é máis compacto e resistente coa intención de que se solucionen os problemas de empozamentos da parcela que xeraron críticas durante os meses de inverno.