Máis de 30 autoridades de concellos da contorna da ría de Pontevedra e da Deputación, participaron este sábado na visita institucional organizada polo Concello de Poio á Illa de Tambo.
O obxectivo da xornada, segundo explica a Concellería de Promoción Económica e Urbanismo, era difundir os recursos, potencialidades e atractivos deste enclave privilexiado situado no medio da ría.
A tenente de alcalde e responsable de Turismo, Silvia Díaz; o responsable de Promoción Económica, Gregorio Agís; e a titular de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, encabezaron a representación local, acompañados por membros da corporación municipal. Tamén tomaron parte a presidenta da Deputación, Carmela Silva, ademais de deputados e deputadas dos tres grupos e representantes de concellos como Pontevedra, Marín, Sanxenxo e Meaño.
"Entendemos que iniciativas como esta axudan a afianzar o traballo en equipo, entre as institucións, para divulgar a riqueza de Tambo, ao mesmo tempo que continuamos dando pasos para garantir o seu coidado e preservación", explicou tras a visita Gregorio Agís.
"Tambo sempre estivo aí, á vista de todas e todos, no corazón da ría e agora podemos coñecela e gozala, dentro dunhas liñas de actuación necesarias para continuar avanzando na súa recuperación", indicou o edil.
Durante a visita guiada os participantes na mesma obtiveron información sobre a historia e evolución da illa, ademais de poder coñecer de primeira man os lugares sinalados e as riquezas patrimoniais que atesoura, como sos por exemplo os restos do lazareto, o Faro de Teno ou as ruínas da capela de San Miguel.
Antes de emprender o retorno a Combarro celebrouse a Mesa Sectorial de Traballo do Sector Público de Acción Local da Pesca (GALP) da Ría de Pontevedra, unha asemblea na que se abordaron diferentes cuestións e pautas para futuros proxectos vinculados coa ría.