O escritor Manuel Lourenzo pregoará a XXXVI edición da Festa da Ostra

Soutomaior
13 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

A cita gastronómica desenvolverase entre o 5 e o 7 de abril e antes, este venres 15 de marzo a Pousada do Castelo de Soutomaior acollerá o acto de presentación oficial

O escritor Manuel Lourenzo González
O escritor Manuel Lourenzo González / Concello de Soutomaior

O calendario das festas gastronómicas na provincia de Pontevedra xa achega a próxima edición da Festa da Ostra que nesta XXXVI edición será entre o 5 e o 7 de abril. Antes, este próximo venres 15 de marzo a Pousada do Castelo de Soutomaior acollerá un acto de presentación desta consolidada cita ao que acudirán membros da Corporación, adegueiros do concello de Soutomaior e responsables dos establecementos de hostalería que ofrecen este produto.

Tamén lles acompañará a persoa que nesta ocasión será a encargada de enxalzar a ostra e esta festa gastronómica. Para este 2024 exercerá de pregoeiro o escritor Manuel Lourenzo González. Lourenzo, é oriúndo de Vilaboa pero ten un gran vínculo familiar con Arcade.

Publicou máis de trinta obras dirixidas a público infantil, xuvenil e adulto. Foi recoñecido con diversos premios literarios como o de Xerais, Merlín, Carvalho Calero, Café Dublín, Narrativas Quentes, Frei Martín Sarmiento, Barco de Vapor, García Barros, Blanco Amor ou Jules Verne. Tamén ten escrito para teatro e colaborado en publicacións, como é o caso de PontevedraViva.