O 'equipo morado' acompañou a dúas mulleres á súa casa durante a segunda xornada de festas

Pontevedra
12 de agosto 2019

A segunda xornada das festas da Peregrina desenvolveuse sen "denuncias por acoso ou agresión". A única solicitude que tiveron foi a de acompañar a dúas mulleres á súa casa durante a noite do domingo

Caravana morada contra as violencias machistas e sexuais nas Festas da Peregrina
Caravana morada contra as violencias machistas e sexuais nas Festas da Peregrina / Mónica Patxot

A segunda xornada das festas da Peregrina desenvolveuse sen "denuncias por acoso ou agresión", segundo explicaron as dúas profesionais que coordinan o servizo do Punto Morado en Pontevedra, unha psicóloga/criminóloga e unha promotora de Igualdade.

A única solicitude que tiveron foi a de acompañar a dúas mulleres á súa casa durante a noite do domingo, unha de 16 e outra de 24 anos. É por iso, que a concelleira de Igualdade, Paloma Castro, recalcou "o importante efecto de seguridade e protección que produciu a presenza da caravana", situada na Praza de Ourense, á beira das escaleiras de San Francisco.

Igual que durante a xornada do sábado, o equipo do Punto Morado contou coa axuda de oito voluntarios e desenvolveu unha intensa actividade informativa e de sensibilización, dando resposta a numerosas consultas realizadas por homes e mulleres de entre 18 e 55 anos.

O 'equipo morado' repartiu durante a fin de semana, ao redor de 5.000 flyers informativos polos locais nocturnos e comerciais da cidade, na caravana, e nas rúas de Pontevedra. A maiores tamén se distribuíron 2.500 adhesivos, 2.000 dípticos e 3.000 pulseiras.