Unha etapa na que o PP de Pontevedra estará "máis fóra que dentro da sede". Así describe o novo presidente provincial do partido, Alfonso Rueda, a forma de traballar que terán os populares pontevedreses a partir de agora.
Todo parte do "magnífico" congreso deste domingo, tras o cal Rueda sinalou que os populares se marcan o obxectivo de "non perder tempo" e comezar a facer propostas nos próximos días.
Diso encargarase, fundamentalmente, o comité de dirección do partido. Trátase dunórgano "moi reducido" cuxos membros terán áreas de traballo "concretas" para comezar a poñer en marcha a nova estrutura do PP pontevedrés.
Así, Rueda sinalou que no partido "temos que estar preparado" para as próximas eleccións autonómicas e comezar a preparar a renovación territorial nos municipios nos que deberán celebrarse congresos locais nos próximos meses.
Nos próximos días, Alfonso Rueda convocará tamén aos coordinadores comarcais, na súa maioría alcaldes, para coñecer de primeira man as preocupacións de cada unha das áreas territoriais da provincia.
Ademais, Rueda reiterou que non ve a ninguén "con máis garantías" que Alberto Núñez Feijóo para encabezar a candidatura do PPdeG á presidencia da Xunta de Galicia.
Aínda que recoñeceu que "é unha decisión súa" e que tome a decisión que tome "todos a respectaremos", reiterou que en todo caso "a todos nos gustaría" que volva ser o candidato do PP nas próximas eleccións autonómicas.