A Federación Provincial de Comercio estima que os cidadáns da Boa Vila gastarán no Entroido un total de 830.000 euros, moi lonxe dos 3,8 millóns que se gastarán os vigueses.
Segundo esta entidade, o total do gasto previsto para o entroido en toda a provincia alcanza os 24,3 millóns de euros. A esta cifra haberá que sumar outros 12,8 millóns que se espera que gastemos en alimentación, restaurantes e pastelerías, co que o montante final do Entroido pontevedrés ascende a 37,1 millóns de euros.
Sostén esta patronal dos comerciantes que se disfrazarán o 93% dos nenos menores de 14 anos, cun gasto medio en disfraces e artigos de entroido, ao redor dos 18,40 euros. Os mozos de 15 a 24 anos disfrázanse o 62 %, cun gasto medio de 43,64 euros. O 40% dos maiores de 25 anos tamén se disfrazan destinando para tal fin uns 55 euros de media.
A Federación de Comercio espera un aumento do 10% no gasto neste Entroido 2018, respecto ao do ano pasado, o que sitúa a esta cita festiva no cuarto lugar en canto aos ingresos para este sector.