Dous anos sen entroido é demasiado para os amantes desta tradicional celebración. A pandemia da covid-19 obriga a suprimir por segundo ano consecutivo o desfile, a mostra da parodia e a noite pirata do programa do Entroido pontevedrés. É por iso que un dos principais grupos de animación desta festa dará o salto das rúas ao escenario. Os de Sempre, un dos grupos con maior tradición no desfile pontevedrés, preparan o seu debut nas Murgas.
"Estamos con reunións e decidiremos a final desta semana", anuncia Tucho, membro deste clásico grupo, a intención de presentarse a este concurso. Aínda non teñen claro se presentarán unha ou dúas formacións. "No grupo somos sobre 20, cada murga ten que estar formada por polo menos cinco persoas, así que podemos presentar unha, dúas ou mesmo catro", sinala sen querer desvelar os seus plans.
"Temos letrista xa e pola vestimenta tampouco haberá problema, pero non podemos avanzar nada está baixo secreto de sumario", chancea este pontevedrés que promete sorprender aos espectadores.
O feito de que por segundo ano consecutivo non haxa desfile motivou a Os de Sempre a lanzarse ao certame de Murgas para poñer o seu característico punto de cor a esta celebración.
Tamén estarán na incineración do Ravachol e prometen participar tamén na noite pirata, que o Concello está aínda valorando como celebrala para evitar aglomeracións.