O entroido pontevedrés, a partir deste mesmo ano, non será o mesmo. Unha das agrupacións máis coñecidas e queridas polo público decidiu poñer fin á súa actividade. Trátase de Amoriños de Bora que, a través dun comunicado, anunciou que o Entroido de 2020 será o último no que participarán.
Tras trinta anos colaborando en todas as actividades festivas que, na cidade de Pontevedra e arredores, prográmanse ao redor do entroido, Amoriños de Bora explica que a comparsa como tal "deixará os traxes de fantasía e a música en directo" tras a edición de 2020.
"É unha decisión moi meditada por todos desde hai cinco anos e dadas as dificultades cada vez maiores para seguir nas condicións que nos esiximos a nós mesmos, decidimos deixalo aquí", sinalan no seu comunicado.
Despois de destacar que o Entroido de Pontevedra "ningún grupo é imprescindible", a comparsa quixo agradecer a competencia "sempre sa" que tiveron co resto de agrupacións e pediron desculpas "se algunha vez faltóuselle ao respecto a alguén, ben doutro grupo ou do público".
Todo o seu labor, segundo destacan, foi "gozar e mellorar cada ano" e por iso afirman que "só podemos dar as grazas a todos os que viron, afagaron e aplaudiron o noso traballo nalgún momento e a todos os que dalgunha forma, gozaron connosco".
"Cremos que é o momento para deixalo e gozar doutra forma o entroido, xa veremos que camiño collemos e de que forma seguimos, porque seguiremos", adiantan na súa despedida, na que ademais se acordan de grupos como os Junos e os Shivaritas "quen foron espello no cal mirar para aprender".
Amoriños de Bora, que foron mesmo os encargados de pregoar o entroido de 2015, despídese sendo unha das agrupacións máis premiadas na historia dun Entroido de Pontevedra que, sen dúbida, sen a súa participación non volverá ser o mesmo.