O Entroido Gastronómico adoza a Praza de España coa I Feira das Reposterías e Panaderías

Pontevedra
25 de febreiro 2022

O evento permanecerá toda a fin de semana co horario de 11:00 a 20:00 horas, no que as persoas asistentes poderán degustar sobremesas típicas do Entroido da man de dez panadarías da cidade

Yoya Blanco na inauguración da I Feira das Reposterías e Panaderías
Yoya Blanco na inauguración da I Feira das Reposterías e Panaderías / Concello de Pontevedra

Este venres 25 de febreiro inaugurouse a I Feira das Reposterías e Panaderías do Entroido Gastronómico de Pontevedra na praza de España, dentro do proxecto Pontevedra Capital Gastro. A finalidade da proposta é poñer en valor o potencial culinario da Boa Vila e colaborar á obtención do título de Capital Española da Gastronomía 2023.

O evento permanecerá toda a fin de semana co horario de 11:00 a 20:00 horas, no que as persoas asistentes poderán degustar sobremesas típicas do Entroido da man das dez panadarías que instalaron un posto na feira: Panadería Acuña, Meu Bakery & Coffee, Mipa Panadería e Pastelería, Stromboli, Via Nai Espazo Gastronómico, Entre Migas Panadería e Pastelería, Colmado Delicious, Mis Galletas y Otras Cosas, Panadería Balado, Anxemí Panadería e Pastelería Artesá, así como un espazo específico da iniciativa Capital Gastro Lab.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, pasouse pola apertura para comprobar en primeira persoa a calidade dos doces. Aproveitou a ocasión para expresar o seu desexo de que as panadarías participantes se beneficien da enorme resposta que adoita dar a cidadanía de Pontevedra cando se inaugura unha feira.

Así mesmo, agradeceu o esforzo das empresas de contratar máis persoal para estes tres días de moito traballo en tempos de pandemia e agarda que se produza un fenómeno coma o do festival gastronómico Mestizaxes. Á súa primeira edición acudiu tanta xente que moitos negocios xa estaban chamando para asistir ao ano seguinte.