Bueu xa ten preparada a súa programación festiva para o Entroido que, un ano máis, estará caracterizada por ofrecer actividades para todos os públicos.
O punto de partida serán os obradoiros e festas infantís para levar o Entroido aos máis pequenos durante toda a semana que vén, en horario matinal (de 11 a 14 horas) no caso dos obradoiros, e vespertino no caso das festas (de 17 a 20 horas).
Todas elas serán de acceso libre ata esgotar aforo e celebraranse nunha das salas do Centro Social do Mar.
Así, o luns 27 de febreiro haberá un obradoiro de escrita creativa e un contoxogos pola mañá, e xogos de animación, baile e pintacaras pola tarde. O martes 28 a protagonista será a repostería de Entroido, e pola tarde, desenvolverase un concerto participativo infantil en galego, ademais dun concurso e degustación de repostería, e animación.
O 1 de marzo pola mañá é a quenda das artes plásticas, coa elaboración de atrezzo de diversos materiais, photocall e xogos de imaxe e reforzo de autoestima. Pola tarde, celebrarase o Desfile Infantil do Enterriño da Sardiña ás 17.00 horas, na que participarán todas as comparsas infantís previamente inscritas. A continuación, está organizada unha sesión de animación musical participativa, e un xogo relacionado coa busca do tesouro.
O xoves e venres, o horario das actividades será só pola tarde, e faranse un lip dub (dobraxe de labios) e un obradoiro de artes escénicas con pintacaras, xogos de desinhibición e teatro.
O Festival de Comparsas organizado polo Bueu Atlético Balonmán celebrarase o venres 3 de marzo ás 20.30 horas no Centro Social do Mar. As entradas estarán á venda nas librarías Miranda, MarPau e Abrente.
Un contacontos de A cebra Camila sorprenderá á rapazada o sábado 4 de marzo pola mañá, na que tamén haberá un obradoiro de marionetas e outros xogos. Pola tarde, os xogos, xincanas, cantabaila e o obradoiro de decoración de galletas de Entroido porán o peche a estas actividades infantís.
Xa o domingo 5 de marzo, a partir das 17.00 horas, arrancará o Desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, que encherá de comparsas e grupos as rúas do centro de Bueu, e no que se entregarán os premios despois da queima do paxaro na praia da Banda do Río.
A programación complétase co concurso gastronómico de Entroido para xubilados, que se desenvolverá o vindeiro sábado ás 18 horas no Centro Social do Mar, lugar no que tamén estarán expostos os carteis do concurso ata o 11 de marzo.