O Entroido madruga este ano e o Concello de Vilagarcía xa ten todo preparado para organizar unha das celebracións máis irreverentes e divertidas do ano. A Concellería de Cultura destina 9.800 euros para repartir entre os mellores disfraces que acudan ao desfile e para compensar ás comparsas que participen no festival.
O festival de comparsas abrirá as celebracións o Domingo de Entroido, o 11 de febreiro. Dende hai xa anos, o certame de Vilagarcía non ten carácter competitivo, polo que todas as agrupacións que cumpran coas normas establecidas nas bases (como a de contar cun mínimo de 20 compoñentes ou dispor dun repertorio de entre 10 e 15 minutos de duración) recibirán unha compensación de 300 euros. A participación limítase a 10 agrupacións, con preferencia para as de Vilagarcía. As restantes admitiranse por orde de inscrición.
O Desfile de Disfraces e Carrozas que terá lugar a tarde do Martes de Carnaval, o 13 de febreiro, si que ten carácter competitivo. Cultura repartirá 6.800 euros entre os 21 premios previstos e aos que os participantes poderán optar anotándose en calquera das tres categorías recollidas nas bases (infantil, adultos, grupos) e nas súas respectivas modalidades (individual e parella nas dúas primeiras, e de ata 20 participantes ou de máis de 20 na de grupos). A contía oscila entre os 50 euros do terceiro premio individual infantil e os 1.300 do primeiro na categoría de grupos de máis de 20 compoñentes.
A maiores darase un premio á mellor carroza e outro á mellor animación, en ámbolos dous casos dotados con 500 euros. E tamén se mantén o accésit para choqueiros creado xa hai uns anos para recuperar e potenciar esta tradicional figura do Entroido galego máis popular. Nesta caso, Cultura repartirá 500 euros entre os choqueiros que se inscriban no desfile.
Os prazos para anotarse neste dous eventos do Entroido vilagarcián ábrense o día 30 de xaneiro e o trámite deberá realizarse de forma presencial nas dependencias da Concellería, sitas no Auditorio.