O sábado de entroido é un dos días grandes do ano na cidade, e aínda que nesta ocasión non se celebra o habitual desfile, o colorido e diversión é a tónica nas rúas.
Desde primeira hora da xornada os pasarrúas amenizan o paso por diferentes puntos do centro urbano, e en cada recuncho pode atoparse a nenos e maiores cos seus disfraces.
A todo iso sumáronse dous obradoiros infantís de entroido, un en horario matinal na Praza de Barcelos e outro a media tarde na Rúa Serra.
A programación festiva completábaa a representación de entroidos tradicionais, con desfiles polo centro histórico do Entroido de Samede e do Folión Labregos de Trives, e tamén unha batucada a cargo da agrupación Olodum do Coio.