Unha gran festa de disfraces na discoteca Reivi. É a gran aposta do Entroido deste ano en Ponte Caldelas. Será o martes 28 de febreiro, a partir das cinco da tarde. O Concello chamará ao evento Entroido en Familia porque está pensado para nenos e maiores, aos que anima a acudir convenientemente disfrazados e dispostos a participar na troula.
A xornada incluirá animación musical a cargo dun disc-jockey e a actuación do Mago Marco. Sen embargo, o ingrediente principal será a diversión e a ledicia típicas destas datas.
O goberno local caldelán optou por alugar os locais da discoteca Reivi para este evento, asegurándose así a súa celebración nunhas condicións axeitadas, con independencia das condicións meteorolóxicas e a salvo de posibles suspensións.
O tradicional desfile, tal e como se avanzara, trasladarase ao mes de xuño coa intención de convertelo nun evento de verán e prolongar a celebración durante todo o serán ata culminalo cunha gran verbena ata altas horas da noite.
A intención, segundo trasladou o goberno municipal, é maximizar o impacto desta celebración, que xa tivo problemas nos últimos anos por mor do mal tempo no mes de febreiro, con frecuentes aprazamentos e serias dificultades para o seu desenvolvemento por mor do frío e a choiva nesta época do ano.
Deste xeito o Concello de Ponte Caldelas presume dunha dobre oferta coa programación de Entroido deste ano, desdobrando a celebración nas habituais datas de inverno e introducindo tamén unha oferta novidosa para o comezo do verán.
Agardan que esta novidade sirva para impulsar a proxección turística do municipio e maximizar o retorno socioeconómico.